A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece nos seus artigos 55 e 69 que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais vencelladas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión.
En desenvolvemento do anterior publicouse a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos Consellos Sociais do Sistema Universitario de Galicia, que establece a capacidade do Consello Social para acordar, dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individualizada de retribucións adicionais ligadas a méritos docentes, investigadores e de xestión, e o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, que establece estas retribucións adicionais para o profesorado contratado das universidades.
Posteriormente publicouse o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, remitindo nos seus artigos 4 e 8 e na súa disposición transitoria a un protocolo de avaliación.
Este protocolo de avaliación que se publica a través desta orde afecta a dous complementos; o complemento de recoñecemento ao labor docente e complemento de recoñecemento ao labor investigador, deixando para outro protocolo posterior, que elabore a Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación, o desenvolvemento relativo aos criterios e méritos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e visto o protocolo elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación, procédese a publicar este.
En virtude do anterior, esta consellería
DISPÓN:
O obxecto desta orde é publicar o protocolo de avaliación a que se refire o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, para o efecto de que os profesores coñezan os criterios e méritos de valoración, e o procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador.
Para o recoñecemento do dito complemento será necesario cumprir os requisitos sinalados no artigo 6, parágrafo 1º, do Decreto 55/2004.
Valorarase a formación académica, a experiencia e a mobilidade.
Formación académica e complementaria. É aquela que proporciona a titulación ou titulacións universitarias dos que sexa posuídor o profesor universitario. Valorarase, se é o caso, a obtención de máis dunha titulación universitaria.
Experiencia docente. Considérase o conxunto de actividades desenvolvidas polo solicitante durante a súa carreira profesional no campo da docencia.
Mobilidade. Se é o caso, desenvolvemento de actividades de ámbito universitario realizadas fóra do centro de traballo no campo da docencia.
Para o recoñecemento do dito complemento será necesario cumprir o requisito sinalado no artigo 6, parágrafo 2º, do Decreto 55/2004.
Valorarase a experiencia investigadora e a mobilidade.
Experiencia investigadora. Considérase o conxunto de actividades desenvolvidas polo solicitante durante a súa carreira profesional no campo da investigación.
Mobilidade. Se é o caso, desenvolvemento ou participación en investigacións realizadas fóra do centro de traballo.
Primeira.- Autorízase o director xeral de Universidades para dictar as disposicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2004.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria