A Facultade de Informática da UDC acollerá a Olimpíada Informática galega que se celebrará o vindeiro 6 de febreiro

Nota de prensa

9/01/26 12:25

  • Institucional
  • O certame, organizado polo CPEIG coa colaboración das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, terá aberta a súa preinscrición ata o 23 de xaneiro.

A Coruña, 9 de xaneiro de 2026

A Facultade de Informática da UDC acollerá a Olimpíada Informática Galega 2026 (OIG 2026), que se celebrará o vindeiro 6 de febreiro. Unha iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades públicas galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)–.

A OIG está destinada a estudantes de centros públicos, concertados ou privados de Galicia, matriculados no curso 2025/2026 en secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio e que sexan menores de 20 anos. O seu obxecto é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática, tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.

A preinscrición para participar na Olimpíada Informática Galega estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro, a través dun formulario habilitado na web da OIG (https://oig.gal/).

O número máximo de participantes será de 40. No caso de que o estudantado preinscrito supere ese número, a selección das 40 persoas participantes realizarase por orde de preinscrición. Neste caso, a listaxe de persoas seleccionadas e a lista de agarda darase a coñecer o 26 de xaneiro.

A olimpíada celebrarase de xeito presencial o venres, 6 de febreiro, na FIC, en horario de 15:30 a 20:30 horas.

A competición consistirá na resolución de entre seis ou oito problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. En caso de empate, terán prioridade os participantes de edicións anteriores en orde de clasificación e, en caso de empate, por orde de preinscrición.

 

 

 

 

A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 10 ao 12 de abril de 2026 na Escola de Enxeñaría en Informática da Universidade de Valladolid. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto do vindeiro ano en Uzbekistán.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC