A UDC abordará no 2026 obras de rehabilitación en edificios emblemáticos do seu patrimonio

Nota de prensa

12/12/25 8:59

  • Institucional
  • Estas actuacións na ETS de Náutica, no Pavillón de Colonias do Campus de Oza e na aula Xoana Capdevielle están financiadas principalmente pola Xunta de Galicia e contan co apoio adicional da Deputación da Coruña. 
  • A Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC está finalizando tamén unha diagnose do estado dos edificios titularidade da UDC, o que permitirá establecer a priorización anual das melloras a acometer en función de criterios técnicos.

A Coruña, 12 de decembro de 2025.- A Universidade da Coruña está a implementar un Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH) dirixido a atallar diferentes problemas de conservación dos seus edificios, que arrastran déficits de inversión en mantementos desde a crise de 2008. Este plan parte dunha diagnose do estado actual das infraestruturas, que permitirá establecer unha orde de intervención en base a criterios técnicos que priorizarán a seguridade, a estanquidade, a habitabilidade, a accesibilidade, a mellora enerxética e o aforro de consumos.

Enmarcadas neste plan de conservación e mellora do seu patrimonio construído, a Universidade da Coruña acometerá durante o ano 2026 tres intervencións de calado nos seus edificios: na Escola de Náutica, no Pavillón de Colonias do Campus de Oza e no edificio Xoana Capdevielle.

O investimento total ascende a 2,8 millóns de euros, procedentes principalmente do Plan de Infraestruturas Universitarias (PIU) da Xunta de Galicia, e dunha achega da Deputación da Coruña. Actualmente están en marcha todos os procedementos administrativos para que estas obras poidan comezar a principios do ano 2026 e queden rematadas no mesmo exercicio.

Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas

A intervención de maior calado será neste edificio histórico, de máis de 75 anos de antigüidade e de alto valor patrimonial, moi senlleiro tanto para a cidade da Coruña como para a comunidade universitaria da UDC. O investimento ascende a 1,5 millóns de euros.

O principal obxectivo é corrixir as filtracións importantes que afectan actualmente á cuberta do edificio. Para iso, substituirase a cuberta existente de fibrocemento por unha nova de zinc, con baixantes vistas que respectan a modulación arquitectónica orixinal, garantindo unha solución duradeira e compatible co carácter histórico do inmoble.

Tamén se acometerá a substitución das carpintarías exteriores, que pasarán a ser de madeira, e a reparación da fachada mediante aplicación de pinturas ao silicato, mantendo e poñendo en valor os elementos patrimoniais do edificio.

Un dos eixos fundamentais será a mellora da accesibilidade, mediante unha actuación na entrada principal que permitirá o acceso de persoas con mobilidade reducida. Esta solución será respectuosa coa configuración do valioso vestíbulo, preservando a súa identidade arquitectónica ao tempo que garante a inclusión.

A intervención inclúe ademais a renovación dun paquete de aseos, que serán adaptados para cumprir criterios de accesibilidade universal, en coherencia co Plan de Igualdade da Universidade da Coruña, reforzando o compromiso institucional coa inclusión e a equidade no acceso aos espazos universitarios.

Campus de Oza

A intervención na fachada do Pavillón de Colonias do Campus de Oza, que dá servizo ás facultades de Fisioterapia, Ciencias da Saúde e á Escola de Enfermaría, é outra das actuacións contempladas no plan da UDC para a mellora do seu patrimonio, cun orzamento previsto de arredor de 500.000 euros.

A intervención centrarase na rehabilitación das fachadas e a limpeza e acondicionamento de cubertas, empregando técnicas respectuosas co valor patrimonial do edificio, co obxectivo de evitar desprendementos de cachotes, garantir a seguridade das persoas usuarias e previr filtracións de auga mediante a reparación de fendas e a aplicación de pinturas ao silicato. Tamén se acometerán reparacións puntuais nas carpintarías e nos antepeitos de forxa, mantendo os materiais e solucións construtivas orixinais.

O edificio, construído en 1926, ten un alto valor histórico e patrimonial, e está moi vinculado á memoria colectiva da cidade da Coruña, xa que durante décadas acolleu a nenos e nenas en estadías estivais. O inmoble foi obxecto dunha rehabilitación integral nos anos 90 a cargo do arquitecto Manuel de las Casas, quen recibiu o Premio Nacional de Arquitectura en 1999 polo proxecto, destacando pola súa sensibilidade coa arquitectura orixinal e a súa integración no entorno.

Cuberta do Xoana Capdevielle

Por último, a UDC acometerá no próximo ano 2026 unha intervención integral na cuberta do edificio da aula de estudo Xoana Capdevielle, situada no Campus de Elviña. Unha iniciativa que responde á necesidade de resolver de forma definitiva os problemas de filtracións que afectan ao confort e á conservación do espazo.

O proxecto, cun investimento total de arredor de 800.000 euros, enmárcase no PIU da Xunta de Galicia e conta tamén cun importante apoio por parte da Deputación da Coruña. Consistirá na instalación dun novo sistema construtivo de impermeabilización, así como a incorporación de illamento térmico, tanto na cuberta como na envolvente da sala de estudo, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e garantir unhas condicións óptimas para o uso continuado da aula.

A aula Xoana Capdevielle é especialmente relevante para a comunidade universitaria, xa que ofrece máis de 650 postos de estudo nun ambiente silencioso e cun amplo horario de apertura, mesmo en períodos non lectivos e días festivos, ofrecendo ao estudantado un recurso esencial para garantir a igualdade de oportunidades académicas.

No marco do PIRMEH, ademais destas tres grandes obras, estanse a desenvolver diversas obras de menor entidade en moitos outros centros da UDC, enfocadas na rehabilitación e mellora enerxética. Por exemplo, as cubertas da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, da EU de Arquitectura Técnica e da ETS de Camiños, Canais e Portos (entre outras); a estanquidade da fachada da Facultade de Ciencias da Educación; a restauración da galería de madeira da Facultade de Humanidades ou a impermeabilización da fachada do Salón de Actos no Campus de Ferrol.

As achegas do Plan de Infraestruturas Universitarias da Xunta de Galicia permitiron acometer desde 2023 inversións fundamentais para a máxima prioridade da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade: preservar e poñer en valor o patrimonio xa construído da UDC, garantindo a súa conservación e funcionalidade, algo de especial relevancia no caso dos edificios universitarios de carácter histórico.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC