A UDC avanza na creación dun dispositivo intelixente e unha plataforma de comunicación para impulsar o envellecemento activo  

Nota de prensa

8/10/25 13:21

  • Institucional

 

 

  • A Facultade de Ciencias da Saúde acolleu o Encontro Internacional de Investigadores para a Promoción da Saúde das Persoas Maiores na que se presentaron as distintas propostas

 

A Coruña, 8 de outubro de 2025.- A Universidade de Coruña, a través da súa Unidade de Investigación en Terapia Ocupacional e de Intervencións non Farmacolóxicas, adscrita á Facultade de Ciencias da Saúde, vén de celebrar recentemente o Encontro Internacional de Investigadores para a Promoción da Saúde das Persoas Maiores: Achegamento ao método LABIC.

 

Durante o desenvolvemento destas xornadas, traballáronse dous proxectos, o dispositivo intelixente “CalmArte”, para a prevención de caídas en persoas maiores e/ou con dexeneración cognitiva ou mobilidade reducida; e a plataforma de comunicación “A arte de ser Maior” para promover os dereitos humanos das persoas maiores, enfocada nun envellecemento saudable e activo.

 

CalmArte

Este dispositivo permite unha detección temperá dos intentos de levantarse dunha cadeira, evitando así posibles caídas. O aparato alerta á persoa cunha mensaxe de voz personalizado do seu coidador, previndo accidentes e promovendo unha contorna máis segura. Isto beneficia tanto á persoa coidada como ao coidador, quen conta cun apoio intelixente de supervisión, optimizando o seu tempo. Este equipo é ideal para centros de rehabilitación, centros xerontolóxicos, centros de día e fogares con este público obxectivo, mellorando o benestar e a seguridade no día a día.

 

A arte de ser Maior

É unha plataforma co fin de sensibilizar á cidadanía en xeral sobre o envellecemento activo e a importancia dos programas xerados para este fin. Procurarase implementar esta acción nas contornas dos países participantes, comezando por Santiago de Chile.

 

No evento participou persoal experto de diversas universidades e países: Paula Peral Gómez (Alacante), Gisella Segura Espinoza (Costa Rica),  Edgar Tello (Colombia),  César Nieto (Colombia), Luis Alberto Deza (Santiago de Chile), Rafael Cortés León (Barcelona e México), Jackeline Romio (Brasil) e Óscar Romero Chouza (Santiago de Compostela). A eles uníronse compañeiros da Universidade da Coruña como Mirian Vizcaino, Pili Marante Moar, Iván de Rosende Celeiro, Elba Iglesias Jove, Daniel Ramos Veiguela, Marta Martínez Traba, José Manuel Valiño e Ana López- Coton; equipo que estivo liderado pola profesora Adriana Ivette Ávila do Grao de Terapia Ocupacional, utilizando un achegamento á metodoloxía do Laboratorio de Innovación Cidadá (LABIC).

 

 

O Método LABIC

O LABIC é un laboratorio iberoamericano de innovación cidadá codirixido pola División de Innovación Pública e Cidadá (DIPyC) da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) xunto á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a UDC, levado a cabo no mes de setembro do 2024 que durante 9 días reuniron a 30 persoas de 9 países iberoamericanos, dividas en 5 equipos co obxectivo de desenvolver iniciativas innovadoras sobre a saúde e o benestar das persoas maiores.

 

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC