A Coruña, 2 de outubro de 2025.- A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) será a sede principal da organización do XI Outubro UDC Saudable, que incluirá diversos eventos vinculados á promoción da saúde ao longo do presente mes. Esta mañá tivo lugar a primeira conferencia do ciclo, que versou sobre alimentación saudable na menopausa e estivo organizada con motivo do Día Nacional das Universidades Saudables, efeméride que se celebra hoxe mesmo.
Durante o mes de outubro, o servizo UDC Saudable, dependente da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, ten organizada toda unha serie de talleres, conferencias, relatorios e actividades, destacando a conferencia inaugural, que terá lugar o día 8 de outubro, as 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Dereito e estará a cargo do doutor Eduardo Fonseca Capdevila, especialista en dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía. Fonseca enfocará a súa exposición nas enfermidades infecciosas de transmisión sexual.
A clausura do programa será o día 16 de outubro, ás 19.00 horas, na sede da Real Academia de Medicina de Galicia (C/Durán Loriga número 10), e contará cun relatorio impartido polo profesor José Antonio Seoane Rodríguez sobre saúde comunitaria e saúde individual.
Ademais, durante este mes implantarase o programa Campus sen Fume nos espazos periféricos do Campus da Coruña (Oza, Bastiagueiro, Riazor e Reitoría), e levarase a cabo o seguimento no Campus de Ferrol, con actividades de difusión en Oza (20 de outubro) e Ferrol (27 de outubro), así como con múltiples mesas informativas en diferentes localizacións da UDC, coordinadas e coa colaboración da Asociación Española contra o Cancro (AECC).
O programa nacional da Red Española de Universidades Promotoras de Salud (REUPS), no que a UDC participa de maneira proactiva, inclúe tres liñas de actuación: o reto 10.000 de doazón de sangue, o reparto de froita en diferentes facultades e escolas da UDC e a difusión da importancia da doazón de médula ósea, coa disposición de mesas informativas específicas.
Así mesmo, cómpre salientar a participación voluntaria de diversas facultades e escolas da UDC con programas propios de promoción da saúde, en colaboración coa Rede de Entidades UDC Saudable, así como coa implicación de oficinas e servizos universitarios como o título propio Espazo Compartido, a Oficina de Cooperación e Voluntariado, a Oficina de Sustentabilidade, a Universidade Sénior e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, entre outros.
Máis información sobre a programación do XI Outubro saudable nesta ligazón.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC