Ferrol, 8 de outubro de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu, este mércores 8 de outubro, unha xornada formativa sobre farmacoloxía organizada pola Universidade da Coruña (UDC), a través da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, e máis polo Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia (COPOGA) para conmemorar o Día Internacional da Podoloxía. Un ano máis, esta iniciativa enmárcase dentro do programa de actividades do XI Outubro Saudable, promovido pola UDC Saudable, un servizo dependente da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.
O encontro foi inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o tenente alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz; o secretario do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Martín Veiga; a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López; e o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil.
Na súa intervención, Ana Ares recordoulle ao estudando de Podoloxía que está cursar un grao moi importante para a cidadanía, “porque os pés lévannos a todas as partes e, moitas veces, non lles prestamos a atención que deberiamos”. Sinalou tamén ao alumnado que, ademais de ter un labor fundamental no tratamento dos e das pacientes, tamén teñen un papel educacional para conseguir que a poboación faga máis caso aos seus pés.
No que atinxe ás xornadas, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, indicoulle ao estudantado o afortunado que é ao ter acceso agora a estas xornadas que os e as achegan á vida profesional. Nesta liña, manifestou o importante papel que xoga a Clínica Universitaria de Podoloxía, situada no Hospital Naval, na que o alumnado ten a oportunidade de entrar en contacto cos e coas pacientes e de traballar no mundo real. “A través da Clínica estase a atender a persoas que non teñen a posibilidade de pagar por atención podolóxica. Por iso, tedes unha responsabilidade social e sempre debedes ter en conta ás persoas con baixos recursos”, manifestou.
Pola súa banda, Martín Veiga, agradeceu a colaboración da Facultade de Enfermaría e Podoloxía na organización do evento, “un síntoma da boa sinerxía de traballo que temos co centro para afrontar novos os novos retos da profesión”.
A maiores, o secretario do COPOGA, sinalou que, como colexio profesional sanitario, consideran que a formación é un dos seus piares máis importantes, “grazas a que podemos diagnosticar e tratar aos e ás nosas pacientes dun xeito máis eficaz”. É por iso que, explica, se programou esta xornada de formación, dirixida especialmente ao alumnado, pero tamén a profesionais da podoloxía para por en valor unha das competencias da profesión, a prescrición de medicación.
Un programa centrado na farmacoloxía e o exercicio da profesión
A primeira das intervencións da xornada correu a cargo do podólogo e secretario do COPOGA, Martín Veiga Jalda, quen falou sobre a aplicación farmacolóxica na práctica clínica diaria. De seguido, o podólogo e profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Francisco Alonso Tajes, afondou na relación entre a farmacoloxía e o control da dor e, posteriormente, a podóloga e tesoureira do COPOGA, Sara Touceda Rey, disertou sobre a receita médica e as ordes de dispensación. Para rematar a xornada formativa, a podóloga e profesora do Campus Industrial de Ferrol, Raquel Veiga Seijo, ofreceu un breve relatorio titulado “Farmacoloxía en Podoloxía: Coidando en cada Etapa da Vida.”
Foto: de esquerda a dereita, o secretario do COPOGA, Martín Veiga; o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, o tenente alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz, e a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC