A UDC recibe o Premio dos profesionais das telecomunicacións de Galicia polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións

Nota de prensa

23/10/23 11:15

  • Institucional
  • O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recolleu o premio o pasado venres na Noite Galega das Telecomunicacións.
  • O proxecto Talentos inclusivos desenvolvido polo Centro de Investigación TIC da UDC recibiu o premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.

 

A Coruña, 23 de outubro de 2023.- Nunha gala celebrada en Santiago o pasado venres ante máis de 200 persoas, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023, nun acto organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

O evento, presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, recoñece o talento tecnolóxico desenvolvido en Galicia. Entre os galardoados, a Universidade da Coruña obtivo o Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións. Esta distinción recoñece o liderado da UDC na innovación, desenvolvemento e despregadura das tecnoloxías TIC a través do Centro de Investigación TIC (CITIC), do Campus Innova e da Cidade das TIC; así como pon en valor a decidida e valiosa contribución da UDC para lograr que A Coruña fose designada para albergar a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

Un premio que destaca “o impulso e a enerxía que empregou a institución na creación dun ecosistema tecnolóxico que será clave para a Galicia do futuro”. Ángel Emilio González, responsable de negocio en Galicia e Asturias de Axians, fixo entrega do premio ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso.

Ademais, o CITIC da Universidade da Coruña obtivo o premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais polo proxecto Talentos Inclusivos, en recoñecemento ao seu decidido enfoque na solución dun problema como é a atención ás necesidades especiais das persoas afectadas polo dano cerebral. Talentos Inclusivos é un proxecto do CITIC da UDC e ASPACE co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

No marco deste proxecto, alumnado de secundaria e bacharelato de varios institutos de Galicia traballan na procura de solucións tecnolóxicas ante unha serie de retos expostos polos usuarios de ASPACE. O director da Amtega, Julián Cerviño, fixo entrega do premio ao subdirector do CITIC, Javier Pereira e a María del Carmen Barreiro, presidenta de ASPACE Coruña.

No transcurso da gala entregáronse tamén o Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sustentabilidade e Coidado da Terra ao proxecto Vid-Expert impulsado pola consultora tecnolóxica SATEC; o Premio ao Mellor Expediente académico do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Marielena Márquez Barreiro; o Premio Socio de Honra para Víctor Salgado Seguín, avogado especializado en dereito tecnolóxico; e o Premio ao Enxeñeiro do Ano foi para José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia de Televés Corporación, en recoñecemento á súa extensa carreira profesional e a súa decidida achega ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

 

Foto 1: Imaxe dos premiados na Noite Galega das Telecomunicacións.

telecos_2

Foto 2: O reitor, Julio Abalde, recolle o premio entregado á UDC polo seu liderado no desenvolvemento de tecnoloxías TIC en Galicia.

telecos_3

Foto 3: O subdirector do CITIC, Javier Pereira, e María del Carmen Barreiro, presidenta de ASPACE Coruña recollen o premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC