A Coruña, 9 de outubro de 2024.- As investigadoras do CITIC da Universidade da Coruña (UDC) Verónica Bolón e María Baamonde e o profesor da UDC Fernando De Llano, poñen en marcha unha nova edición do proxecto Inspira STEAM 2024-2025 na Coruña. Este programa, pioneiro en España, ten como obxectivo principal fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para reducir a fenda de xénero nas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
O proxecto Inspira STEAM está buscando mentoras, mentores e centros educativos que desexen participar na edición 2024-2025. Para facelo, as persoas e centros interesados poden rexistrarse na intranet do programa (http://intranet.inspirasteam.net) e activar a súa inscrición antes do 15 de outubro de 2024.
Quen realice as mentorías terá a oportunidade de desenvolver seis sesións de mentoring cun grupo de entre 8 e 15 estudantes de 6º de Primaria ou 1º de ESO, en horario lectivo durante o curso académico. Recibirá unha formación online de cinco horas para preparar estas sesións e contarán con todo o material necesario.
Unha necesidade urxente de referentes femininos e igualdade nas STEAM
Estudos recentes, como os datos de Eustat - Confebask, evidencian que as vocacións nas disciplinas STEAM están diminuíndo, especialmente entre as rapazas. De feito, nos últimos 4 anos houbo un descenso do 16,6% nas matriculacións en estudos STEAM, onde só o 9% do alumnado de Formación Profesional e o 31% do universitario son mulleres. Esta situación require unha intervención que ofreza referentes femininos próximos que sirvan de inspiración para as mozas, para que vexan as súas capacidades e non descarten estas carreiras por descoñecemento ou inseguridade.
Inspira STEAM busca visibilizar ás mulleres científicas e tecnólogas, romper estereotipos e promover unha maior diversidade nos equipos profesionais. Así mesmo, é esencial a participación de homes como mentores, que tamén axuden a concienciar aos mozos sobre a importancia da igualdade nas ciencias e tecnoloxías.
Para máis información ou resolver calquera dúbida sobre o nodo da Coruña, pódese contactar a través do correo electrónico: inspira.steam@udc.gal.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC