A Coruña, 1 de outubro de 2025.- O próximo 10 de outubro, o Paraninfo da Universidade da Coruña será escenario dun foro académico e profesional que poñerá o foco na vixencia da Lei de Contrato de Seguro e en como esta norma, aprobada en 1980, segue adaptándose aos profundos cambios que atravesa o sector asegurador.
Baixo o lema “Unha lei que segue vixente, un sector que segue cambiando”, a xornada, organizada pola Cátedra Fundación Inade – UDC, reunirá a persoal experto, compañías, corredurías de seguros e persoal da avogacía. Entre todos analizarán os retos que expón a aplicación desta norma nunha contorna marcada pola dixitalización, os novos riscos e a evolución da práctica xudicial. O acto será inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad.
Entre as voces máis destacadas figuran Sergio Álvarez Camiña, director da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións entre 2017 e 2024, e José Luis Seoane Spiegelberg, maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo. Tamén participarán recoñecidos académicos e profesionais do sector, especialistas en sinistros e consultores de despachos internacionais.
O programa inclúe relatorios e mesas de debate sobre os retos interpretativos da lei, o procedemento de reclamación fronte a aseguradoras e a visión do Tribunal Supremo respecto ao contrato de seguro.
Ademais do seu valor académico, a cita ofrece unha oportunidade de networking para os profesionais do seguro en Galicia e busca achegar este mundo ás novas xeracións: o estudantado poderá asistir gratuitamente e participar nun concurso que premiará os mellores traballos sobre os temas tratados no evento.
A xornada celebrarase de 09:00 a 14:00 horas no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa Maestranza, 9). Toda a información está dispoñible aquí.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC