A Coruña, 3 de xaneiro de 2025.- A Universidade da Coruña acaba de dar vida a unha nova spin-off, a empresa Artefacto Arteducación, S.L.. Esta nova entidade xorde a partir do Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, co apoio da Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da UDC.
O obxectivo desta iniciativa é a transferencia de coñecemento a través do desenvolvemento de proxectos arteducativos, prácticas curatoriais e de mediación artística, educativa e cultural. Ademais, a spin-off ofrecerá formación e capacitación nestes ámbitos, e sitúase nunha parte fundamental entre a Universidade e a sociedade, apostando pola divulgación da cultura científica.
O coordinador do proxecto é o docente José María Mesías Lema, profesor titular da Área de Didáctica da Expresión Plástica da Universidade da Coruña, adscrito á Facultade de Ciencias da Educación, e coordinador do Grupo de Investigación en Procesos Artísticos Contemporáneos, Patrimoniais e de Mediación Cultural en Contextos Educativos (ARTE-FACTO).
Imaxe: foto de Raúl Fernández da exposición sobre un dos últimos proxectos do profesor José María Mesías Lema: “La táctica del colibrí”, que afonda na relación entre activismo educativo e dereitos humanos. A mostra, comisariada polo docente da UDC, estivo recentemente exposta na Fundación Luis Seoane.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC