A Universidade da Coruña e o CSIC publican un ano máis o Calendario Científico Escolar 2026 en galego

Nota de prensa

23/01/26 8:47

  • Institucional
  • A UDC é a única entidade galega participante neste proxecto, que se desenvolve de maneira ininterrompida desde o ano 2019.
  • O calendario recolle 366 efemérides científicas e tecnolóxicas e vai acompañado dunha guía didáctica accesible e inclusiva, dirixida ao alumnado de educación primaria e secundaria.

A Coruña, 23 de xaneiro de 2026

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran por oitavo ano consecutivo co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na elaboración da versión en lingua galega do Calendario Científico Escola. A UDC é a única entidade galega que participa neste proxecto, no que colabora de maneira continuada desde 2019.

Esta colaboración inclúe tamén a impresión de exemplares do calendario, cuxa distribución polos centros de ensino de Galicia corre a cargo do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Ao longo dos 12 meses do ano, o calendario reúne un total de 366 efemérides do eido científico e tecnolóxico, entre as que se inclúen conmemoracións de descubrimentos científicos, aniversarios do nacemento de persoeiros relevantes e achegas destacadas á ciencia e á tecnoloxía. Trátase dun recurso educativo concibido principalmente para o alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria.

O Calendario Científico Escolar complétase cunha guía didáctica que ofrece orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas. Este material responde aos principios de inclusión, normalización e equidade, e atende ás pautas xerais de accesibilidade, incorporando tarefas con distinto grao de dificultade, efemérides redactadas nunha linguaxe sinxela e textos en formato plano para facilitar o seu uso mediante tecnoloxías de texto a voz (TTS).

A presente edición inclúe tamén actividades lúdicas, como o xogo da oca, e mantén as efemérides en lectura sinxela como recurso de apoio para o alumnado con dificultades na competencia lectoescritora.

Tanto o calendario como a guía didáctica están dispoñibles en aberto para a súa descarga gratuíta na seguinte ligazón.

Fomento da cultura científica en dez linguas

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), cuxo obxectivo é contribuír ao fomento da cultura científica entre a xuventude, crear referentes próximos e promover as vocacións científico-técnicas, empregando unha linguaxe non sexista e incrementando a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas.

Trátase, ademais, dun proxecto plurilingüe que respecta a realidade lingüística do Estado, xa que, xunto coa versión en galego, o calendario está dispoñible noutras dez linguas. O Calendario Científico Escolar foi recoñecido co I Premio CSIC de Divulgación Científica y Ciencia Ciudadana, na categoría de Obra Unitaria, no ano 2023 pola súa traxectoria e impacto.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC