A Coruña, 28 de febreiro de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu na Reitoría unha delegación da empresa Huawei encabezada polo vicepresidente do European Research Institute e director do departamento de European Standardization & Industry Development, Wang Xuemin, con sede en Bélxica.
Por parte da UDC fíxose unha presentación xenérica sobre as potencialidades da Universidade en temas de investigación e docencia no ámbito das TIC, na que se incidiu especialmente na formación que se imparte na Facultade de Informática e na investigación que se realiza no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC), mentres que Huawei expuxo os proxectos que teñen en marcha en materia de Intelixencia Artificial (IA). Ambas entidades analizaron posibles vías de colaboración que se abren coa posta en marcha da Cidade das TIC, así como coa sede na Coruña da Agencia Estatal de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) e co Nodo de Intelixencia Artificial do hub de Innovación Dixital de Galicia, DIHGIGAL, que coordina a UDC e que se ubicará na Cidade das TIC.
A reunión, que tivo lugar o pasado mércores, foi moi aberta e na que se transluciu o interese de ambas institucións por chegar a acordos conxuntos. Coñecidas agora as potencialidades da Universidade da Coruña a empresa analizará pola súa parte o encaixe coas súas necesidades que se irán concretando en futuras reunións.
Ademais do reitor da UDC e do vicepresidente do Instituto de Investigación Europeo de Huawei, asistiron á reunión Chen Liang, director de IA no departamento de Europe Standardization & Industry Development (EU SID), con sede en Francia; Da Bin, xefe do departamento de Consumer BG no EU SID, con sede en Bélxica; Roi Rodríguez, director de desenvolvemento de Ecosistema de IA no EU SID; a Adxunta do Reitor para IA, Amparo Alonso; o director da Cidade das TIC, Alfonso Martínez; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; o vicedecano da Facultade de Informática, Óscar Pedreira; e a coordinadora do Grado en IA na UDC, Bertha Guijarro.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC