A Universidade da Coruña reivindica nun Manifesto o traballo académico e intelectual das mulleres para superar as desigualdades de xénero na sociedade

Nota de prensa

5/03/20 14:00

  • Institucional

A Coruña, 5 de marzo de 2020.- A Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte, organiza varias actividades para conmemorar o 8M Día Internacional das Mulleres e que comezou esta mañá coa lectura do Manifesto 8M da UDC tanto en Ferrol, que iniciou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e na Coruña, onde comezou a vicerreitora de Igualdade, Cristina López. Despois da lectura do Manifesto en que se reivindica o traballo académico e intelectual para superar as desigualdades de xénero e construír unha sociedade e unha universidade para todas e todos, tanto en Ferrol como na Coruña varias das asistentes leron fragmentos de libros escritos por mulleres.

 

MANIFESTO 8M DA UDC

 

“Un ano máis queremos sumarnos aos diversos e numerosos actos que se están a realizar con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Asociámonos a todas e cada unha das reivindicacións que nestes días se fan máis visibles, pero que son precisas, lamentablemente, cada día do ano, en diversos contextos e a pesar dos avances, que tamén valoramos.

O talento intelectual das mulleres foi, ao longo da historia, primeiro impedido, logo negado ou reprimido e máis tarde silenciado ou mesmo usurpado. A propia Rosalía de Castro deu conta diso, cando afirmaba que non lle estaba permitido “ás mulleres escribir o que senten e o que saben”.

A historia foi, e continúa a ser en moitos lugares, unha historia de homes e para homes. Agás honrosas excepcións, non atoparemos nos libros de historia as múltiples formas en que se ten negado o acceso das mulleres ao coñecemento, á autonomía persoal e a calquera instancia de poder. No caso da ciencia, aproveitouse para reprimilas e crear falsas enfermidades asignadas só ás mulleres, para agochar os seus descubrimentos baixo figuras masculinas ou deixar nun segundo plano os seus coñecementos vinculados aos coidados. Este sistema de dominación patriarcal é o que leva servindo como base durante longo tempo para poñer en dúbida as nosas capacidades e méritos, facendo crer que todo o progreso humano é algo que se debe unicamente aos homes.

Por iso estamos hoxe aquí ocupando un espazo público de poder, liderando un acto que fai máis significativa a reivindicación deste 8 de marzo na Universidade da Coruña. E facémolo lembrando que as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en igualdade de condicións legais até o 8 de marzo de 1910, que foi cando se aprobou unha real orde que autorizaba “por igual la matrícula de alumnos y alumnas”, poñendo fin á necesidade de ter que consultar “a la Superioridad las inscripciones de matrícula en enseñanza oficial o no oficial solicitadas por las mujeres”. Sen lugar a dúbidas, os 110 anos que se cumpren este domingo supoñen un enorme avance e un motivo importante de celebración, mais, en absoluto, significa que o proceso de busca de igualdade de xénero rematase.

O proceso continúa e debe continuar necesariamente, porque á Universidade lle quedan moitos retos pendentes para conseguir unha igualdade real e efectiva de xénero. A realidade é moi testuda e lémbranos, ano tras ano, o longo camiño que nos queda por percorrer para que se normalice a situación das mulleres na universidade como servizo público da educación superior que ten como principais funcións a docencia, a investigación e o estudo. Os datos publicados pola CRUE (a Conferencia de Reitoras e Reitores das Universidades Españolas) e estudos realizados por outras institucións confirman o seguinte. 

Primeiro, o alumnado universitario está formado maioritariamente por mulleres, con mellor rendemento e con menor taxa de abandono. Mais hai un problema moi grave. A elección de estudos universitarios reafirma a tradicional segregación que responde aos roles e estereotipos de xénero acadados durante o proceso de socialización. Isto explica que as carreiras vinculadas ao coidado e atención doutras persoas sexan as máis feminizadas, a diferenza daquelas carreiras agrupadas baixo as siglas de STEM que están masculinizadas e rexistran unha porcentaxe baixa de mulleres.

Segundo, mantense a estrutura tradicional de xénero no profesorado e persoal investigador. As profesoras e investigadoras son minoría e a súa participación no total do cadro de persoal atópase moi distante da porcentaxe que representa a muller no total de poboación. A medida que se progresa e aumenta o rango académico as desigualdades acentúanse e a presenza feminina redúcese nas categorías superiores da traxectoria académica (isto é, a presenza das mulleres na categoría superior de catedrática de universidade segue a estar infrarrepresentada). Nalgunhas universidades incrementouse o número das profesoras asociadas, de modo que son as mulleres as que cobren as necesidades docentes con contratos laborais máis precarios e con menor retribución salarial.

Terceiro, o persoal de administración e servizos é un colectivo feminizado, mais dirixido por homes. Aquí as mulleres son maioría, pero as proporcións invértense ao chegarmos ao extremo superior da escala xerárquica do funcionariado.

E cuarto, que só 8 das 50 universidades públicas existentes están dirixidas por mulleres. Transcorridos 8 séculos de historia da universidade española, no Estado unicamente houbo 20 reitoras, das cales a primeira foi a catedrática Elisa Pérez Vera entre 1982 e 1987. No caso das universidades galegas, nunca houbo unha muller reitora.

Non estamos a descubrir unha realidade nova. Avanzamos, máis queda moito por facermos. Non debemos esperar outros 110 anos para que a universidade sexa un espazo de igualdade real e efectiva, en que as desigualdades de xénero desaparezan. Debemos ter moi claro que a igualdade formal por razón de xénero na universidade non garante unha igualdade real na práctica. Temos que ir alén da regulación xurídica e revisarmos permanentemente a estrutura, dinámica e funcionamento universitarios para garantirmos unha universidade que non estea nesgada por razón de xénero. É moi importante incrementarmos os esforzos desde dentro da propia universidade para combater a violencia e os estereotipos machistas, visualizar o traballo das profesoras e científicas e fomentar as vocacións entre as estudantes de secundaria ou formación profesional superior.

O feminismo é un movemento plural e aberto. Un movemento en que a comunicación é fundamental para comprendermos que a opresión patriarcal nos afecta a todas (galegas, inmigrantes, heterosexuais ou lesbianas, cunha discapacidade recoñecida ou sen ela, esteamos en transición ou calquera outro aspecto da nosa identidade que fai que teñamos historias persoais diferentes). Por iso, é preciso seguirmos a construír novas alianzas feministas, tanto dentro como fóra da universidade.

A universidade tamén ten que ser plural. Debe construírse como un espazo libre de violencias sexistas, LGBTIfóbicas, racistas e clasistas. Onde exista paridade nos órganos de poder e avaliación. Onde ser nai non sexa unha carga ou un impedimento na carreira profesional. Onde a linguaxe nos represente. Onde os coidados, a diferenza das cifras, sexan un valor de calidade. En definitiva, un espazo para reflexionar colectivamente e para denunciar as situacións precarias e desigualdades en que nos coloca o patriarcado polo feito de sermos mulleres.

Ademais, este ano celébrase o 25.º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beixing, que supuxo un importante plan a nivel mundial, para promover os dereitos das mulleres, presentando o apoderamento das mulleres como una estratexia clave do desenvolvemento. O feminismo vén de lonxe. Debemos lembrar aquelas mulleres que nos precederon na loita pola igualdade. E debemos falar delas para que as novas xeracións saiban que as súas estratexias de apoderamento e autodefensa veñen de moi lonxe. Por iso, neste acto queremos que os libros, que agora erguemos, sexan o símbolo que representa a lembranza de que sempre houbo mulleres que teimaron co seu traballo académico e intelectual, malia non permitírselles “escribir o que senten e o que saben”, para sementar a base que nos permite seguir avanzando, sen retroceder nin un paso, na consecución dunha igualdade de dereitos real e necesaria para construírmos unha sociedade e unha universidade para todas e todos”.

----------------

 

Visita guiada por Ferrol, cidade das mulleres

As actividades organizadas pola Universidade da Coruña para conmemorar o 8M continuarán este sábado, 7 de marzo con Ferrol, unha cidade de mulleres. Visita guiada pola cidade de Ferrol a través das vidas das mulleres que fixeron e deixaron a súa pegada nesta cidade. Saíndo da Casa do Patín (10:00h.) e do emblemático barrio de Esteiro, a andaina irá polo Campus de Ferrol, Cantón, praza da Constitución, praza de Galicia, rúa Concepción Arenal/Hospital, praza de Amboaxe, e rúa Magdalena para rematar nos xardíns de Herrera. Farase unha viaxe no tempo, polas rúas da cidade a través das vidas de Concepción Arenal, Carolina Casanova, Ángeles Alvariño, Hildegart Rodríguez, Ángela Ruíz Robles ou Isabel II; mulleres costureiras, redeiras, lavandeiras, carrexadoras, augadeiras, mestras, científicas, escritoras, intelectuais... Este roteiro require inscrición previa en https://www.udc.es/gl/novas/Ferrol-8M-unha-cidade-de-mulleres/

 

Reto 50 mulleres máis na Galipedia

O vindeiro 12 de marzo a UDC organiza o Reto 50 mulleres máis na Galipedia. Convócase a toda a comunidade universitaria para aumentar o número de mulleres na Galipedia co reto de chegar a 50 novas mulleres que a día de hoxe non figuran nela. Será na Facultade de Informática ás 16:00 horas.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Editatona_Reto_50%2B

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC