 
        Ferrol, 28 de outubro de 2025.- Alicia Lorenzo Fenollera (Vigo, 2002), alumna do Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) vén de gañar o Premio ELLE Education by Mindway na IV edición dos Greenwalk Adwards, un certame de moda sustentable organizado por NHood España que tivo lugar, este sábado 25 de outubro, no Centro Comercial Vialia de Vigo. Nas próximas semanas, a estudante da UDC poderá elixir entre cursar, de xeito totalmente gratuíto, un certificado en Asesoría de Imaxe e Personal Shopper, en Wedding Planner e Event Desing ou en Xestión e Dixitalización de Eventos.
En palabras da propia Alicia Lorenzo Fenollera, “Simbiosis”, o seu deseño, busca crear un diálogo entre a natureza, a ciencia e a moda. A súa proposta estaba formada por dúas pezas: un vestido e unha capa. No que atinxe ao vestido, este estaba feito a partires de tecidos reciclados botando man da técnica coreana Joomchi, que une capas de papel de moreira sen costuras a modo de feltro. Pola súa banda, a capa explora os biomateriais. Está creada a partires de biopolímeros de carraxenato e fíos de alxinato tinguidos con pigmentos naturais como a espirulina, a cúrcuma, o azafrán ou o café. “ A súa construción combina experimentación téxtil e biotecnoloxía, unindo innovación e sustentabilidade”, explica.
Xunto a esta alumna do Campus Industrial Ferrol, graduada en Deseño de Moda no Instituto Europeo di Design de Madrid, participaron outros 11 mozos e mozas, estudantes na Escuela de Diseño y Moda de Galicia – Goymar (A Coruña), na Fashion Art School FormArte (A Coruña), na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela), na Escuela de Arte y Superior de Diseño de Cádiz e na Facultade de Deseño da Universidade de Vigo (UVigo), en Pontevedra. Finalmente, a gañadora da IV edición dos Greenwalk Awards Vigo foi Marta Pujales Salgueiro, de FormArte, con “Haruki”, quen poderá desfrutar dun curso de formación durante unha fin de semana na Escola Central Saint Martins da University of the Arts London.
A presentadora asturiana Luján Argüelles foi a encargada de conducir a gala e a modelo ferrolá Paloma Lago exerceu como madriña. Entre as persoas que integraban o xurado, estaba a empresaria galega e fundadora de Cossy, Virginia Pozo. A IV edición dos GreenWalk Adwards tivo, ademais do evento en Vigo, outra final no Centro Comercial Saint Boi de Barcelona. A do Centro Comercial Zenia Boulevard de Alacante pospúxose por mor dunha alerta vermella por fortes chuvias e foi reprogramada para o 22 de novembro. En total, segundo indican desde NHood España, nesta última convocatoria ten participado alumnado de máis de 60 escolas, centros e/ou universidades de todo o país.
Foto 1: a alumna do Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, Alicia Lorenzo Fenollera, conseguiu o Premio ELLE Education by Mindway na IV edición dos Greenwalk Awards que tiveron lugar o pasado sábado 25 de outubro no Centro Comercial Vialia de Vigo.
Foto 2: bosquexo de “Simbiosis”, o deseño desta alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Instagram Greenwalk Awards.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC