A Coruña, 11 de decembro de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participa no proxecto ATEMPO–Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, en cuxo marco se desenvolveu o Exercicio Multirrisco ATEMPO 2025. Este simulacro transfronteirizo de gran escala celebrouse recentemente nas inmediacións da presa do Caldeirão (Guarda, Portugal) e reuniu a preto de 200 efectivos dos servizos de emerxencia de Galicia, Portugal e Castela e León.
Este exercicio, liderado pola Guarda Nacional Republicana (GNR) e coordinado conxuntamente coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), forma parte do proxecto europeo ATEMPO–Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, financiado polo programa Interreg VIN-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
O CITIC, socio tecnolóxico do proxecto xunto co CITENI, contribuíu á validación e mellora de solucións avanzadas para a xestión de emerxencias, como sistemas de apoio á toma de decisións baseados en intelixencia artificial, tecnoloxías de procesamento e análise de datos en tempo real, integración de plataformas dixitais interoperables capaces de facilitar a coordinación entre equipos de distintos países e contornas de simulación para recrear escenarios de risco complexos.
O simulacro permitiu poñer a proba estas ferramentas nun contexto operativo real, caracterizado pola simultaneidade de incidentes e a necesidade de coordinación entre múltiples corpos de intervención.
Ao longo da xornada activáronse cinco escenarios críticos: o envorco dun autobús con múltiples vítimas, un incendio forestal derivado do accidente, o rescate técnico en zonas rochosas, a procura de persoas desaparecidas e unha operación de rescate vertical nun aeroxerador.
A complexidade destes incidentes ofreceu unha contorna idónea para avaliar a interoperabilidade dos sistemas desenvolvidos e a eficiencia das canles transfronteirizas de comunicación e coordinación.
CITIC: investigación aplicada ao servizo da xestión de emerxencias
A participación do CITIC en ATEMPO enmárcase na súa aposta estratéxica pola investigación aplicada e a transferencia de tecnoloxía orientada a mellorar a resiliencia territorial. Para o centro, este exercicio representa unha oportunidade para validar propostas innovadoras en condicións reais e avanzar en solucións tecnolóxicas que permitan: reducir tempos de resposta, optimizar o despregamento de recursos e mellorar a precisión da análise de riscos, así como facilitar a cooperación entre administracións e corpos operativos de distintos países.
Un proxecto estratéxico para a Eurorrexión
ATEMPO conta cun investimento total de 4,8 millóns de euros, cofinanciada ao 75% polo FEDER, e está certificado como operación de importancia estratéxica. Participan no proxecto sete entidades crave: AXEGA (socio líder), Junta de Castilla y León, Universidade da Coruña (CITIC e CITENI), CIM Alto Minho, CCDR-N, GNR e INEM.
Prevese que o proxecto teña un impacto directo sobre 570.000 habitantes de zonas fronteirizas, podendo beneficiar a máis de 9 millóns en actuacións específicas.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC