O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolle unha mesa de debate sobre as mulleres na carreira investigadora

Nota de prensa

16/02/24 14:25

  • Institucional
  • Dúas investigadoras do centro e dúas expertas da UDC comparten neste encontro vivencias e evidencia científica sobre os rumbos de xénero na academia

 

A Coruña, 16 de febreiro de 2024.- Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (celebrado cada 11 de febreiro), hoxe reuníronse no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña catro mulleres co propósito de dialogar sobre as desigualdades de xénero no ámbito científico. O debate foi guiado por Rosalía Sánchez Fernández, estudante predoutoral que está a piques de rematar a súa tese e que eventualmente terá que lidiar con certas incertezas a medida que avance na súa carreira.

Na Xornada, nomeada “Laboratorios propios” en alusión ao ensaio feminista da autora do século XIX Virginia Woolf, participaron mulleres con perfís académicos e laborais moi diferentes. O obxectivo desta mesa era poder mostrar unha visión o máis ampla posible dunha realidade con arestas: Lorena Alonso Marañón, investigadora posdoutoral recentemente incorporada ao grupo de investigación Syncatmeth, falou sobre a súa experiencia na maternidade e a difícil tarefa de compaxinar a súa vida privada cunha carreira de prestixio. Antía Pérez Caramés, docente de Socioloxía da UDC e experta en xénero e coidados, achegou ao debate argumentos teóricos sobre esta mesma temática e sobre os nesgos de xénero presentes nos procesos de avaliación. Finalmente, Ana María Aba Catoira, profesora de Dereito da mesma universidade e membro da Rede Feminista de Dereito Constitucional, recalcou a importancia de ter presente que os coidados non son só un dereito, senón un deber que esixe o compromiso de todos os axentes da sociedade.

 

Reverter o gráfico da tesoira

Margarita Salas dicía sobre a presenza de investigadoras no mundo da academia científica: “As mulleres non van chegar. Xa están”. Discípula de Severo Ochoa, ela foi a primeira muller recoñecida por investigar no campo da bioloxía molecular en España. Aquilo foi na década dos anos sesenta, e aínda que hoxe en día a súa figura goza dun incrible prestixio, o seu nunca foi un camiño fácil: medio século despois, as dificultades ás cales se debe enfrontar unha muller na investigación son distintas, pero non por iso inexistentes.

Ao escoller estudar unha carreira como Bioloxía ou Química resulta moito más doado atopar referentes femininos próximos: unha amiga, unha tía, unha veciña… a diferenza de Margarita Salas, as mulleres xa non deben ser pioneiras para percorrer o camiño que desexan. A presenza de mulleres nas disciplinas STEM é ampla na actualidade, pero a súa figura vai desaparecendo a medida que se escala a postos de máis poder. Así, pásase de ser en torno ao 50 ou 60 % do total de mulleres que inician a carreira científica como estudantes de teses a tan só o 25 % de xefas de grupo no caso dos centros de investigación:

“O teito de cristal representa esa barreira á que as mulleres enfrontamos ao avanzar nas nosas traxectorias profesionais e ao aspirar a ocupar roles de liderado no ámbito laboral. A elección da palabra “cristal” reflicte a idea de que estas barreiras non son facilmente detectables e poden non ser explícitas, pero aínda así existen e representan desafíos importantes para o noso avance profesional”, explicou Sánchez Fernández ao comezo da xornada. Pola súa banda, Pérez Caramés recalcou que “a taxa de abandono na carreira universitaria é superior entre os homes ata o momento da tese, e isto ten que ver, entre outros factores, con que as regras do xogo deixan de estar tan claras a partir deste punto”.

A moderadora do debate, pertencente o grupo Quimbio, quixo coñecer a opinión das participantes sobre cuestións como a diferenza de salarios na empresa privada, cal é a mellor maneira de resaltar os logros das mulleres, a responsabilidade dos coidados e a súa conciliación ou como de efectivas resultan medidas como a obrigatoriedade da paridade en determinados eventos.

As integrantes do panel sinalaron en conxunto a trascendentalidade dunha educación e formación que implementen a perspectiva de xénero nas súas liñas de actuación: “As relacións de poder preséntanse en toda a sociedade e, por tanto, tamén están presentes no ámbito académico. Todas sabemos que o factor fundamental é a educación, e esta debe incluír á sociedade en xeral. Cando discriminamos estamos a tirar á papeleira o que poida achegar máis da metade da sociedade”, reclamou Aba Catoira no encontro.

No debate tamén houbo un espazo centrado nas particularidades da conciliación entre a vida privada e a carreira científica, algo que Alonso Marañón fixo evidente a través da súa propia vivencia: “A maternidade está especialmente penalizada no noso caso, xa que debemos abandonar a  investigación moito antes de dar a luz para non expoñer ao noso bebé a determinados compostos. Isto obríganos a paralizar a nosa actividade, algo que moitas veces non é compatible coa carreira que queremos seguir tendo”.

Para Pérez Caramés, esta penalización é unha das máis importantes en calquera carreira investigadora: “Só o 30 % das mellores catedráticas teñen fillos, por tanto é obvio que hai unha decisión de anular ou restrinxir ese desexo de maternidade para non sacrificar unha parte que tamén desexo ter, esa carreira exitosa”. En opinión da experta en xénero e coidados, unha das liñas de actuación máis determinantes pasa por alterar o  paradigma actual de coñecemento, “que sempre prima cantidade a calidade”.

 

Foto: de esquerda a dereita, Antía Pérez Caramés, Ana María Aba Catoira, Lorena Alonso Marañón e Rosalía Sánchez Fernández.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC