A Coruña, 21 de novembro de 2025.- O Consello de Goberno da UDC, reunido hoxe en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade o texto do convenio para a descentralización da docencia clínica de Medicina. Un paso que se produce tras un amplo proceso de diálogo entre as partes implicadas -Xunta de Galicia, USC e UVigo-, tal e como explicou o reitor Ricardo Cao no seo do Consello e na rolda de prensa posterior.
Na súa intervención, Cao salientou que este documento é o resultado de moitas conversas e análises dirixidas a acadar un sistema que permitise mellorar a calidade da docencia da titulación de Medicina a través dun proceso de descentralización sanitaria e académica. “Que esa descentralización fose nos dous ámbitos era clave para a nosa institución”, incidiu o reitor.
Así, o acordo recolle a descentralización de toda a docencia de 4º, 5º e 6º de Medicina, teórica e práctica, cun calendario moi concreto e esixente, e que estará completada no curso 2028/2029. “Isto é un avance moi relevante con respecto ao acordo de 2015”, subliñou Cao.
A docencia impartirase nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo, con aproximadamente 100 alumnos no CHUAC e 100 no CHUVI (descentralización sanitaria), pero o 50% das prazas de profesorado se convocarán polas universidades ás que estea vinculado o hospital (UDC e UVigo) e as dúas universidades, a través dos seus departamentos, participarán na elaboración dos PODs (descentralización universitaria).
Presérvase a vinculación do CHUAC á UDC, que “seguirá a ser, polo tanto, o noso hospital universitario, se ben para a impartición de Medicina, exclusivamente por tanto para eses fins docentes, compartiremos o hospital coa USC”, explicou Cao, que engadiu que “este tema era clave para nós porque estamos falando de que por primeira vez estará recollido nun concerto que a UDC impartirá docencia de Medicina”. Un punto que se completa con outro aspecto clave da negociación, a blindaxe do INIBIC, que mantén a vinculación exclusiva coa UDC. Todo o persoal do CHUAC, malia que pertenza ao corpo de profesores da USC, afiliarase ao INIBIC no que respecta á súa investigación.
A descentralización será custeada pola Xunta de Galicia. Está pendente o detalle do estudo económico dos custos da descentralización, que se encarga á Comisión de seguimento do convenio e no que figurarán os custos de persoal, a obra civil que requira a adaptación de espazos á docencia no hospital e os equipamentos das unidades docentes, que pertencerán ás universidades.
Ricardo Cao, indicou que “estamos ante un acordo no que están recollidas as nosas principais esixencias e no que creo que as tres universidades temos amosado o noso compromiso co ensino de calidade. A nosa contrapartida -engadiu-, é moi relevante, pero consideramos que asumible: adiamos a solicitude de implantación do título de Medicina e comprometémonos a non presentala durante a vixencia deste acordo, pero con cláusula de saída no caso de incumprimento”.
Explicou que o incumprimento das condicións, dos prazos ou da programación da descentralización recollidos neste acordo lexitima á UDC a continuar o procedemento de implantación do título de Medicina iniciado. Así mesmo, se durante a vixencia deste acordo a Consellería emite informe favorable de solicitudes de implantación do grao en Medicina presentadas por outras entidades, “abrirase un prazo extraordinario de dous meses para que poidamos presentar a documentación correspondente das novas titulacións”.
“Estamos, por tanto -rematou Cao-, cun texto moi diferente ao de 2015 “ambicioso, detallado e minucioso, cun calendario ao que dar cumprimento e que incorpora unha serie avais para a nosa institución no caso de incumprimento”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC