A Coruña, 25 de febreiro de 2025.- A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) converteuse esta fin de semana no epicentro da innovación tecnolóxica coa celebración do HackUDC 2025, o maior hackathon de Galicia. O evento, organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), reuniu a 304 estudantes procedentes de 5 países e 75 localidades, que competiron durante tres días resolvendo retos formulados por empresas líderes do sector.
O hackathon, que foi inaugurado o venres polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e da vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía, contou cunha ampla representación de estudantes de diferentes disciplinas STEM, principalmente de Enxeñaría Informática, Telecomunicacións, Matemáticas e Física, así como alumnado de formación profesional e doutros niveis educativos. A nivel internacional, participaron estudantes de España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña, consolidando o crecemento e a proxección global do evento.
Competición e colaboración
Durante a fin de semana, os equipos competiron desenvolvendo solucións para retos relacionados coa intelixencia artificial, a ciberseguridade, a computación na nube e o desenvolvemento de aplicacións innovadoras. As propostas foron avaliadas por un xurado composto por representantes das empresas patrocinadoras, que premiaron aquelas solucións que mellor responderon ás necesidades formuladas.
Entre os proxectos gañadores desta edición destacaron:
- LiCOpS, que levou o premio GPUL, é un xogo didáctico en 2D que introduce de forma amena e sinxela as funcións da linguaxe C, incorporando referencias a proxectos de software libre.
- SolutionHub, que gañou o premio GRADIANT, ofrece unha plataforma colaborativa onde os usuarios poden compartir solucións a problemas técnicos, atopar persoas con habilidades específicas e comunicarse a través dun chat integrado con busca intelixente.
- ChatbotVQLGenerator + ChatbotDenodo, gañadores do premio DENODO; combinan un chatbot avanzado coa plataforma de Denodo para responder con precisión a preguntas baseadas nos datos almacenados.
- ArtLens, que se fixeron coa victoria no premio NOMASYSTEMS, mellora a experiencia en museos grazas a unha aplicación móbil capaz de recoñecer obras de arte mediante imaxe e xerar descricións informativas.
- sentikelia, quen levaron o premio KELEA, é un asistente psicolóxico personalizado que combina diario, análise de personalidade, coach virtual e unha IA capaz de axudarche a reflexionar a partir dos teus propios rexistros.
- Pickture, que gañou o premio INDITEX TECH, facilita a busca de roupa similar en tendas de Inditex a través dunha extensión de navegador que permite identificar prendas cun só clic e acceder directamente á súa compra.
Un evento en expansión
Tal e como explica Jorge Teixeira, do comité organizador, “esta edición foi un rotundo éxito, con máis de 350 persoas entre participantes, persoal da organización e representantes das empresas patrocinadoras, que fixeron posible que durante toda a fin de semana se vivise un ambiente espectacular, creando comunidade”. Tamén destacaron a calidade dos proxectos, con “moi boas ideas de todos os equipos”. Teixeira resaltou a implicación dos patrocinadores, “non só na aportación dos premios, senón tamén por pasar a fin de semana na Facultade e axudar aos equipos, conectando a comunidade estudantil coa Facultade e as empresas, o que fai que este evento empece a ser un referente no panorama nacional”.
Desde a súa primeira edición en 2023, o HackUDC triplicou o número de asistentes, consolidándose como un referente no panorama tecnolóxico galego. Ademais das competicións, os participantes puideron asistir a charlas e mentorías impartidas por profesionais do sector, así como participar en actividades de networking que fomentaron a cooperación entre estudantado, profesorado e representantes de empresas.
Sobre GPUL
O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), organizador do HackUDC, é unha asociación universitaria vinculada á UDC con máis de 25 anos de traxectoria e máis de 500 membros. A súa misión é promover o uso do software libre e fomentar a colaboración dentro da comunidade de desenvolvedores.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC