A Coruña, 14 de outubro de 2025.- Hoxe, martes 14 de outubro, ás 17:00 horas, terá lugar no Forum Carballo, a inauguración da nova edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Carballo. Nesta edición, máis de 100 participantes formarán parte desta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste 2025 a 3ª edición deste Programa de Formación Universitaria Específico para Adultos Maiores, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Carballo. O programa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro no Forum Carballo. Nesta edición, participarán 106 persoas.
O acto de inauguración contará coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, da concelleira de Educación e Terceira Idade, María Mar Eirís Villar e do Alcalde de Carballo, Daniel Pérez López.
O programa consta de tres módulos temáticos, con sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, dúas veces por semana. Os módulos abordarán diversas áreas de coñecemento:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
Clausura e xornada cultural na Coruña
O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 26 de novembro de 2025.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC