A Coruña, 10 de outubro de 2025.- O vindeiro luns, día 13 de outubro, ás 17:00 horas, terá lugar na Capela do Balneario de Arteixo a inauguración da nova edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Arteixo. Na presente edición, preto de 70 participantes formarán parte desta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste 2025 a 4ª edición deste Programa de Formación Universitaria Específico para Adultos Maiores, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Arteixo. O programa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro na Capela do Balneario de Arteixo. Nesta edición, participarán 68 persoas.
O acto de inauguración contará coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e da concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, Inés Ramos Álvarez.
O programa consta de tres módulos temáticos, con sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, dúas veces por semana. Os módulos abordarán diversas áreas de coñecemento:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
Clausura e xornada cultural na Coruña
O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 19 de novembro de 2025.
Con este Programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos de Arteixo e maila súa comarca, coa intención de seguir dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como ven facendo en diferentes localidades e comarcas deste o ano 2018.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC