Profesionais do CHUAC e da UDC colaboran nunha investigación da UDC sobre realidade aumentada aplicada á cirurxía

Nota de prensa

31/07/25 12:01

  • Institucional
  • A investigación, coordinada desde o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC busca integrar a realidade aumentada no traballo real do quirófano.

A Coruña, 31 de xullo de 2025.- O Hospital Universitario de  Coruña (HUAC) acolleu esta mañá unha sesión experimental centrada en avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada (RA) en contornas reais de quirófano. A investigación forma parte da tese doutoral titulada Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía, desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña (UDC).

 

Unha ollada dixital para a cirurxía do futuro

Na sesión participou o Dr. Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran activamente neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes modos de interacción: mediante xestos, mirada, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes. O obxectivo é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.

“Desde o Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUAC e a Unidade de Xeonllo colaboramos coa investigación e apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde —como a robótica, a intelixencia artificial e as interfaces virtuais— porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes. Que estes avances permitan acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención pode marcar unha gran diferenza nun quirófano, onde cada segundo e cada decisión contan”, sinala o Dr. Codesido.

Esta actividade continúa o traballo experimental iniciado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do ámbito cirúrxico en colaboración coa Dra. Laura Ameneiro. A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.

“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente. A participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”, explican desde o CITENI.

 

Tecnoloxía que amplía a visión cirúrxica

A realidade aumentada é unha tecnoloxía que combina o mundo real con elementos virtuais en tempo real que permite superpoñer información dixital —como imaxes, gráficos ou datos anatómicos— directamente sobre o campo de visión do cirurxián, sen perder contacto coa contorna física. Ao contrario da realidade virtual, que illa ao usuario, a RA enriquece o ámbito real e está a aplicarse con éxito crecente en procedementos complexos como:

  • Artroplastia total de xeonllo: as lentes de RA funcionan como sistemas de navegación cirúrxica, guiando con maior precisión o corte óseo sen depender de pantallas externas.
  • Cirurxía de columna: permiten trazar a traxectoria óptima para a inserción de parafusos pediculares, evitando estruturas sensibles e mellorando a exactitude na colocación.
  • Neurocirurxía: superpoñen imaxes do escáner cerebral sobre o cranio do paciente, facilitando o acceso con mínima invasión de tecido.
  • Cirurxía hepática ou oncolóxica: posibilitan localizar con precisión masas tumorais ou vasos importantes sen deter a intervención para consultar imaxes externas.

Estes sistemas non só ofrecen datos en tempo real, senón que se adaptan dinamicamente aos movementos do cirurxián e do paciente, proporcionando unha asistencia visual contextualizada ao longo de toda a intervención.

 

Deseño e tecnoloxía ao servizo da saúde

A iniciativa forma parte dunha aposta estratéxica por achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real. A colaboración entre profesionais sanitarios e persoal investigador busca garantir que as ferramentas de realidade aumentada sexan útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano, co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais dos equipos cirúrxicos. A investigación, desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, supón un paso firme cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.

 

Foto: parte do equipo do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario da Coruña (HUAC) xunto ao persoal investigador do CITENI da UDC que desenvolve a investigación sobre RA aplicada a cirurxía no Campus Industrial de Ferrol. De esquerda a dereita: Fátima Rueda (HUAC), Ánxela Perez (CITENI), Pablo Codesido (HUAC), Andrea Vázquez (HUAC), Florian Michaud (CITENI) e Belén Inés Vieira (HUAC).

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC