Reitor, alcaldesa, conselleiro de Educación e o presidente do Consello Social inauguran o vindeiro martes a nova sala Demostrador Tecnolóxico do CITIC

Nota de prensa

14/05/21 17:14

  • Institucional

• O novo espazo amosará e testará, entre outros, proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, área en que a UDC é líder en Galicia.

A Coruña, 14 de maio de 2021.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto coa alcaldesa, Inés Rey, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, inaugurarán o vindeiro martes, 18 de maio, ás 13:00 horas, a nova sala Demostrador Tecnolóxico do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da UDC, xunto co director do centro, Manuel González Penedo.

A nova sala é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, o primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. O Demostrador Tecnolóxico será un espazo para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, disciplina na que a UDC é líder en Galicia, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.

A sala, na que se materializou un investimento que supera os cen mil euros, está cofinanciada pola propia Universidade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC. O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de videoconferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e realidade aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.

 

 

Sobre o CITIC

O CITIC da UDC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. O CITIC é o primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

 

 



 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC