Trece investigadores da Universidade da Coruña, entre os mellores do mundo segundo a plataforma Research.com

Nota de prensa

28/10/25 13:20

  • Institucional
  • Cinco investigadoras e oito investigadores da institución coruñesa destacan na actual edición no ranking nos campos da Informática, a Medicina, a Química, a Botánica e Agronomía, a Psicoloxía e a Microbioloxía.

A Coruña, 28 de outubro de 2025.- A plataforma académica Research.com recoñece a 13 investigadores e investigadoras da UDC na actual edición do seu ránking anual. Segundo as áreas de coñecemento, Tiago M. Fernández Caramés, Amparo Alonso Betanzos, Paula Fraga Lamas e Verónica Bolón Canedo destacan en Informática; mentres que Francisco J. Blanco faino no campo da Medicina e Carlos Platas Iglesias, Christian Kennes, Purificación López Mahía e Miguel A. Maestro no da Química. No eido da Botánica e a Agronomía Federico Pomar é un dos investigadores destacados, mentres que na psicoloxía a UDC conta con Antonio Valle entre os seus investigadores máis coñecidos. Pecha a listaxe Germán Bou, no campo da Microbioloxía.

 

Research.com

Research.com produce unha ampla gama de rankings para a comunidade de investigación nunha variedade de disciplinas. En particular, ofrece un ranking global, para diferentes disciplinas e para “científicos destacados”.

O proceso de clasificación implica un exame detallado de 166.880 investigadores e investigadoras obtidos de diversas fontes de datos bibliométricas. Para a clasificación das mellores universidades, examináronse ata 175.585 académicos.

 

Excelencia universitaria na UDC

Tiago Fernández Caramés é investigador permanente do CITIC e profesor titular de Universidade na área de Tecnoloxía Electrónica na UDC, onde obtivo o título de Enxeñeiro en Informática e Doutor Enxeñeiro en Informática. Desde 2005 traballa no Departamento de Enxeñería de Computadores da UDC. En termos de investigación, as súas liñas actuais inclúen as diferentes tecnoloxías relacionadas cos sistemas IoT/IIoT, os UAVs, o Edge Computing, a Realidade Estendida, así como outras tecnoloxías relacionadas cos paradigmas da Industria 4.0 e 5.0.

Amparo Alonso é catedrática de universidade na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC e investigadora do CITIC. As súas liñas de investigación actuais son o desenvolvemento de modelos de Aprendizaxe Máquina Escalables, a Intelixencia Artificial Responsable e Sostible, e o modelado baseado en axentes intelixentes para a sustentabilidade de procesos, entre outros.

Paula Fraga é investigadora do CITIC e profesora na Universidade da Coruña. Desde 2009, traballa co Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC), pertencente ao Departamento de Enxeñería Informática da UDC. Participou en máis de 40 proxectos de investigación financiados polo goberno rexional e nacional, así como en contratos de I+D con empresas privadas como ADIF, Siemens, Indra Sistemas ou Navantia, analizando escenarios de misión crítica (seguridade pública, defensa e infraestruturas críticas). A súa investigación céntrase en tecnoloxías da Industria 4.0, especificamente sistemas ciberfísicos, IoT, realidade estendida, blockchain e ciberseguridade.

Verónica Bolón é profesora titular de Universidade no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no CITIC. Actualmente traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en algoritmos verdes, e dirixe a Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes. Cabe destacar a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en numerosas actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.

Francisco J. Blanco é catedrático de Reumatoloxía na Universidade da Coruña, xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no Hospital Universitario da Coruña, e coordinador do Grupo de Investigación en Reumatoloxía do CICA-UDC e do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC). Especializouse en Reumatoloxía no Hospital 12 de Outubro de Madrid, foi investigador asociado na Universidade de California-San Diego (La Jolla) e obtivo o seu doutoramento na Universidade da Coruña, con Premio Extraordinario.

Carlos Platas é catedrático de Química Inorgánica na Universidade da Coruña e coordinador do grupo Immo-tep (Imaxe molecular e terapia). Xunto aos seus compañeiros, Platas deseña sistemas moleculares cunha potencial aplicación en prácticas de diagnóstico clínico e terapia. Entre as súas liñas de investigación atópanse o deseño, a síntese e a caracterización de axentes de contraste e sondas, xeralmente empregadas en técnicas de diagnóstico como a Resonancia Magnética (IRM) e a Tomografía Axial Computarizada, máis coñecida como TAC.

Christian Kennes é catedrático de Enxeñaría Química na Universidade da Coruña e pertence ao grupo Bioengin (Bioingeniería Ambiental e Control de Calidade), da área de Nanociencia e Materiais avanzados do CICA. Desde hai anos investiga sobre procesos de biorrefinería e como revalorizar gases como o metano e o dióxido de carbono, coñecidos polo seu efecto invernadoiro.  A súa investigación tamén se centra nos procesos de fermentación e optimización de biorreactores (recipientes capaces de manter unha contorna controlada e activa desde un punto de vista biolóxico) e o seu emprego para obter distintos produtos con interese para o mercado, como o hidróxeno.

Purificación López Mahía é catedrática de universidade na Área de Química Analítica da UDC e forma parte do Grupo de Investigación en Química Analítica Aplicada (QANAP). Na actualidade as súas investigacións céntranse principalmente na caracterización dos aerosois atmosféricos, a avaliación da calidade do aire e os seus efectos na saúde, cunha ampla rede de colaboracións a nivel nacional e internacional con industrias, institucións públicas e centros tecnolóxicos.

Miguel Maestro é catedrático de Química Orgánica na mesma Universidade, e forma parte do grupo de investigación Nanotoxgen, da mesma área de nanociencia dentro do CICA. En concreto, as investigacións do grupo céntranse no ámbito da toxicoloxía. Por iso, caracterizan que efectos biolóxicos, xenéticos e sobre a saúde derívanse da exposición a diferentes compostos, xeralmente a nanomateriales, co fin de previr efectos secundarios ou patoloxías relacionadas coa devandita exposición. Unha das súas liñas baséase no emprego de biomarcadores capaces de avaliar os efectos ante contaminantes coñecidos e emerxentes.

Soledad Muniategui é catedrática de universidade na Área de Química Analítica da UDC e coordina o Grupo de Investigación en Química Analítica Aplicada (QANAP). As súas liñas de investigación abordan a creación de novas estrataxias de análises rápidas, o desenvolvemento de metodoloxías analíticas e a avaliación de contaminantes ambientais, tanto orgánicos como inorgánicos.

Federico Pomar é doutor en Bioloxía e desenvolveu a súa investigación no ámbito da Fisioloxía Vexetal, centrándose principalmente no estudo da lignificación e o papel das peroxidasas na súa síntese. Foi investigador na Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-Xunta de Galicia, antes de incorporarse definitivamente á UDC no ano 2007. Amais do seu perfil investigador dedicou parte da súa carreira á xestión universitaria, ocupando o cargo de vicedecano de Infraestruturas da Facultade de Ciencias e o de adxunto de Investigación da UDC.

Antonio Valle é catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade da Coruña (UDC). Na actualidade coordina o Grupo de Investigación en Psicoloxía Educativa (GIPED) da Universidade da Coruña, e foi investigador principal de tres proxectos financiados dentro do Plan Nacional (2013, 2017 e 2021). As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo das variables motivacionais, as estratexias de estudo, os deberes escolares e a aprendizaxe autorregulada.

Germán Bou é profesor titular de universidade da Área de Medicina e xefe de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Desenvolve a súa actividade investigadora no Grupo de Investigación en Mibrobioloxía, vencellado ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).

 

 

 

 

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC