Plácido Lizancos Mora, profesor titular da ETS de Aquitectura e Proxecto dHabitat, coordinará un encontro académico con expertos en educación para o desenvolvemento e adquisición da súa bibliografía para a biblioteca sobre desenvolvemento na ETSA. O obxectivo da reunión con Alfredo Brillembourg (catedrático na ETH de Zurich) é a análise destas accións, prospección de futuro e o tecido de redes de colaboración con centros universitarios de referencia na dimensión arquitectónica da EpD.
Ana López-Cortón Facal, profesora da Facultade de CC. da Educación, coordina o proxecto do II Laboratorio de Recursos Sociais, un proxecto levado a cabo polo alumnado e o profesorado e dirixido a toda a comunidade educativa da UDC. Este laboratorio enténdese como un encontro participativo que serve para traballar, coñecer e analizar experiencias de acción solidaria e emprendemento social, a través de mesas de traballo, que finalizarán cunha xornada aberta na que participarán membros de distintas entidades de participación social.
Yaiza Mª Montero Lamas, alumna da ETS de Camiños, Canais e Portos, corodinará o proxecto consistente na realización dun video documental sobre o Dereito Humano á Auga como material didáctico para levar a cabo actividades de Educación para o Desenvolvemento na UDC, a través da asignatura de Cooperación para o Desenvolvemento e as campañas de incidencia e sensibilización que desenvolve ESF anualmente.
Obdulia Taboadela Álvarez, profesora do Departamento de Socioloxía e CC.PP. e da Administración, coordina o proxecto para a realización de tres obradoiros interactivos destinados a un público amplo onde se contará con expertos nacionais e internacionais dedicados ao estudo, á investigación e ao activismo en Dereitos Humanos e de loita contra a xenofobia, o racismo e a exclusión. Estes obradoiros enmarcaranse dentro dun ciclo de conferencias internacional chamado: "E Pur si muove! nas marxes: debates sobre mobilidades humanas no capitalismo global".