A Cooperación Territorial Europea (CTE), máis coñecida como Interreg, é un instrumento de financiamento, deseñado no marco da Política de Cohesión, que ten como finalidade impulsar o desenvolvemento rexional a través da cooperación entre rexións europeas a diferentes niveis. Desta forma, Interreg articúlase ao redor de cinco eixos de cooperación: transfronteirizo (Interreg A), transnacional (Interreg B), interrexional (Interreg C), ultraperiférico (Interreg D) e veciñanza (Interreg E).
A Política de Cohesión é unha das políticas da Unión Europea que financia centos de miles de proxectos en toda Europa con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo e o Fondo de Cohesión. É a política baixo a cal miles de proxectos de cooperación Interreg obteñen financiamento para abordar desafíos específicos en toda a Unión Europea. Para o período 2021-2027 está vixente o Regulamento (UE) 2021/1059 sobre disposicións específicas para o obxectivo de cooperación territorial europea (Interreg) que recibe apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. As prioridades da Política de Cohesión da UE 2021-2027 son:
A continuación indícanse os diferentes programas de financiamento que existen actualmente en cada un dos eixos e nos que pode participar a UDC.
INTERREG POCTEP
Promove o desenvolvemento de proxectos transfronteirizos entre diferentes rexións de España e de Portugal. O programa articulouse en prioridades que responden a catro dos Obxectivos Políticos (OP) máis un obxectivo específico Interreg, para os que se estableceron diferentes obxectivos específicos (OE) e tipos de accións que poderán financiarse en cada unha delas: unha Europa máis intelixente (OP1), unha Europa máis verde e baixa en carbono (OP2), unha Europa máis social (OP4), unha Europa máis próxima á cidadanía (OP5) e unha mellor gobernanza da cooperación (OE Interreg).
En España participan as rexións de Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia.
Interreg SUDOE
Apoia o desenvolvemento de proxectos transnacionais rexionais no suroeste de Europa (España, Francia, Portugal e Xibraltar), a través do FEDER. Os temas de cooperación do programa Interreg Sudoe están en consonancia coas directrices da Política de Cohesión Europea para o período de cooperación 2021-2027 cubrindo catro das prioridades políticas do período 2021-2027: unha Europa máis intelixente (OP1), unha Europa máis verde e baixa en carbono (OP2), unha Europa máis social (OP4) e unha mellor gobernanza da cooperación (OE Interreg).
Os 9 obxectivos específicos apoiados polo programa Interreg Sudoe fanse eco das 2 orientacións estratéxicas que se derivan da identidade do programa:
En España forman parte deste programa todas as rexións, excepto Canarias
Interreg Atlantic Area
Promove a cooperación transnacional entre rexións atlánticas de catro países europeos (España, Francia, Irlanda e Portugal). O programa cofinancia proxectos de cooperación en diversos ámbitos como a innovación e a competitividade, a eficiencia dos recursos, a xestión do risco territorial, a biodiversidade e os bens naturais e culturais.
O programa abrangue catro prioridades políticas para o período 2021-2027: unha Europa máis intelixente (OP1), unha Europa máis verde e baixa en carbono (OP2), unha Europa máis social (OP4) e unha mellor gobernanza da cooperación (OE Interreg).
En España participan as seguintes rexións: Andalucía, Principado de Asturias, Canarias, Cantabria, Comunidade Foral de Navarra, Galicia, País Vasco e A Rioxa.