Código de boas prácticas para revistas electrónicas da UDC
A CRUE, na Declaración nacional de integridad científica de decembro de 2015, sinala que é de vital importancia que as universidades, como centros onde se xera e transmite coñecemento, garantan a integridade e transparencia da investigación científica.
Desde o Servizo de Publicacións da UDC proponse o seguinte Código de boas prácticas coa intención de que sexa común a todas as publicacións que formen parte do Portal de Revistas Electrónicas e que publiquen os resultados da devandita actividade científica. Partindo desta base, cada revista podería complementalo con aqueles aspectos que sexan aplicables de maneira específica ao seu campo de investigación.
Para acadar os mencionados principios de integridade e transparencia é necesario o compromiso de todos os participantes que interveñen no proceso de edición dunha revista, a continuación indícanse unha serie de boas prácticas aplicables aos editores, autores ou revisores.
Persoas editoras de revistas:
- As persoas editoras da revista deben garantir que todas as persoas que participan no proceso de edición coñezan e cumpran as boas prácticas científicas e os principios éticos.
- Consello Editorial: os membros do Consello Editorial da revista deben ser persoas expertas na área de estudo que corresponda. Tanto na páxina web como na publicación deberán indicarse o nome completo e a filiación de cada un dos seus membros.
- Contacto: os editores deben proporcionar un enderezo de contacto ao que dirixirse tanto para o envío de manuscritos como para facer suxestións ou queixas.
- Normas para persoas autoras: os artigos publicados pola revista deben ser orixinais e inéditos. Os editores deben publicar de forma destacada as Directrices de autor completas e actualizadas, incluíndo unha ligazón ou cita a este Código de boas prácticas. Polo menos, detallaranse as características ás que deben axustarse os artigos, a utilización de material gráfico e o formato das bibliografías.
- Tratamento dos artigos recibidos: as persoas editoras comprométense a gardar a confidencialidade dos documentos recibidos. Deberán enviar un acuse de recibo ás persoas autoras. Deben ser imparciais e obxectivos no seu tratamento. É necesario absterse de traballar nun artigo se puidese haber un conflito de intereses ou de asignalo a revisores que saiban que poden telos.
- Proceso de revisión: os editores deben indicar que sistema de revisión específico utiliza a revista e mencionar que seccións están suxeitas a revisión por pares. Un manuscrito deberá ser, polo menos, revisado por dous avaliadores e deberá asegurarse a presenza dun terceiro avaliador en caso de empate. As persoas editoras deberán facilitar os mecanismos necesarios para que a avaliación sexa anónima.
- Normas para as persoas avaliadoras: as persoas editoras deben proporcionar aos avaliadores un documento con instrucións específicas de avaliación e incluír o(s) formulario(s) de revisión necesario(s) para levar a cabo esta tarefa.
- Lista de revisores: os editores deben publicar a lista de revisores que participan na revista e agradecerlles a súa colaboración. O consello editorial debe revisar a calidade dos informes dos revisores.
- Publicación de artigos: os editores publicarán artigos orixinais, de calidade científica e relevantes para a revista. Sempre se emitirá unha comunicación motivada aos autores sobre a aceptación ou rexeitamento do seu artigo. A aceptación ou rexeitamento dun artigo por parte do Consello de Redacción basearase nos informes dos avaliadores. Non se deben rexeitar artigos porque tratan de resultados negativos da investigación. Ademais, os editores deben asegurarse de que todas as investigacións foron aprobadas por un organismo apropiado, se é necesario de acordo coas directrices éticas internacionais, e para salvagardar a confidencialidade da información individual.
- Malas prácticas: rexeitaranse aqueles artigos en revisión que incorran en falta de ética como falsificación ou manipulación de datos, plaxio, autoplaxio, publicación redundante ou fragmentación innecesaria de artigos.
Persoas autoras:
- Principios éticos: os autores seguirán os principios éticos contidos nas principais declaracións e códigos internacionais. Respectaranse en todo momento os dereitos humanos, os dereitos animais e ambientais e as leis de protección de datos e non se producirá ningunha discriminación. Non está permitida a falsificación ou manipulación de datos, o plaxio, o autoplaxio, a publicación redundante ou a fragmentación innecesaria de artigos.
- Autoría: os autores son os responsables da autoría do artigo.
- Envío de artigos: os autores enviarán artigos orixinais e inéditos e deberán comprometerse a non telos enviados a outras revistas.
- Transparencia e conflitos de intereses: as persoas autoras deberán mencionar as posibles fontes de financiamento da investigación ou se forma parte dun proxecto. Deben coidar as citas no texto e nas bibliografías. Se o artigo inclúe imaxes, a persoa autora deberá indicar onde se obtiveron, e se se reproducen, solicitarán os permisos necesarios e citarase a fonte.
Persoas avaliadoras:
-
Compromiso: a persoa revisora, experta no tema da investigación do artigo que se solicita que avalíe, comprométese a cumprir os prazos de revisión establecidos, comunicando á dirección da revista na maior brevidade cando isto non sexa posible.
-
Confidencialidade: as persoas avaliadoras non deben revelar datos pertencentes ou relacionados cos artigos enviados para a súa revisión.
-
Informes: a persoa avaliadora debe ser obxectivo e imparcial. As súas críticas deben ser específicas e construtivas, e as suxestións claras e concisas. Aseguraranse de que os artigos obxecto de avaliación sexan orixinais e inéditos; tamén que cumpran as regras da revista para os autores e non incorran en ningunha neglixencia.
-
Transparencia : a persoa revisora debe absterse de avaliar un artigo se considera que pode incorrer nun conflito de intereses.