A través do formulario ao que se accede premendo no nome do tipo de solicitude pódense xestionar as seguintes opcións (abre nunha nova xanela).
Debe ter en conta que nalgúns casos váiselle solicitar o/s código/s do/s menú/s ao/s que quere ter acceso, dato que pode obter a través do apartado Progreso da implantación, premendo na Unidade correspondente.
- Concesión de permisos por nomeamento para cargo: xa que os permisos están predefinidos en función da Unidade e, no seu caso, Subunidade e do cargo, unicamente será necesario, para esta solicitude, identificar á persoa para a que se solicita o permiso, indicar o lugar no que desenvolve as súas tarefas e o cargo para o que foi nomeado. Este tipo de solicitude NON SE UTILIZARÁ para o caso de que se produza un cambio de titular, é dicir, cando a persoa que ocupaba o cargo deixa de facelo e inmediatamente procédese a nomear a outra no seu lugar; para este caso deberá utilizarse o tipo de solicitude recollido no número seguinte.
- Eliminación de permisos por cese no cargo: o responsable da Unidade deberá comunicar os ceses que se produzan na súa Unidade. Se o cese é do responsable da Unidade, a comunicación deberá facerse polo substituto. Esta é a solicitude que HAI QUE UTILIZAR cando se produza un cambio de titular, é dicir, cando a persoa que ocupaba o cargo deixa de facelo e inmediatamente procédese a nomear a outra no seu lugar.
- Concesión de permisos por implantación dun novo módulo en SIGMA: cada vez que se implante un novo módulo da aplicación, a Unidade SIGMA comunicará ao/s responsable/s da/s Unidade/s ao/ás que está destinado o dito módulo, a súa descrición e o seu identificador (código que o identifica), para que este comunique á Unidade SIGMA os datos da/s persoa/s que utilizará/n o novo módulo.
- Concesión de permisos diferentes aos xa establecidos para unha Unidade ou Subunidade predefinida: aínda que os permisos están predefinidos en función do cargo e da Unidade e, no seu caso, Subunidade, se a/o responsable da Unidade considera que é necesario ter outro/s permiso/s diferente/s, pode solicitalo, quer para el, quer para calquera das persoas destinadas na súa Unidade, a través desta vía.
- Concesión de permisos para unha Unidade ou Subunidade non recollida no listado de Unidades/Subunidades predefinidas: cando se considere por parte dunha Unidade que inicialmente non ten acceso a SIGMA a necesidade do seu uso, deberase utilizar este tipo de solicitude.
- Concesión de permisos fóra dos supostos anteriores.
As concesións recollidas nos números 4, 5 e 6 están suxeitas a xustificación por parte da/o responsable da Unidade e a estudo e decisión dos órganos competentes.
Última actualización: 21-04-2023.