O artigo 4 dos Estatutos da Universidade da Coruña establece que "a lingua propia da Universidade da Coruña é o galego, que será o seu vehículo normal de expresión. Para a súa normalización, promocionarase o seu uso na docencia, na investigación, na transferencia e no intercambio do coñecemento, e fomentarase o seu uso en todas as súas actividades".
O artigo 161 leva por rótulo Unidade de Normalización Lingüística e establece que:
1. A Universidade dotarase das ferramentas necesarias para impulsar o uso do galego como lingua propia e propiciar que sexa a lingua habitual de comunicación, expresión e traballo da comunidade universitaria; sinaladamente, manterá actualizados o Regulamento de usos da lingua galega e o Plan xeral e/ou plans sectoriais de normalización lingüística que se puideren elaborar e aprobar.
2. A Unidade de Normalización Lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ofrecerá apoio técnico ao proceso de ampliación de usos da lingua galega nos distintos ámbitos da vida universitaria.