Normativa varia

 

Sen ánimo de resultar exhaustivos, tanto na normativa propia da UDC como na lexislación galega e estatal hai articulado con implicacións no proceso de normalización da lingua galega para o ámbito universitario.

Regulamento do Servizo de Publicacións

Artigo 4
O compromiso institucional da Universidade da Coruña para a promoción e a normalización da lingua galega haberá de  reflectirse tamén no campo editorial. O galego será a lingua utilizada tanto en publicacións de carácter institucional como divulgativo que se destinen ao ámbito lingüístico galego. En calquera caso, o SPU poñerá os medios para que o seu emprego sexa preferente.

Estatuto do estudantado

Artigo 3. Principios xerais

1. Todos os estudantes da Universidade da Coruña terán igualdade de dereitos e deberes, sen máis distinción que a derivada dos estudos que estean cursando, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, xénero, lingua, capacidade económica, discapacidade, orientación sexual, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal, social, relixiosa e/ou política.

Artigo 4. Dereitos dos estudantes como membros da comunidade universitaria

7. Dereito á utilización das linguas oficiais da comunidade autónoma de Galicia. 

CAPÍTULO VII
DEREITO Á UTILIZACIÓN DAS LINGUAS OFICIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA
Artigo 22. Do dereito dos estudantes a utilizaren as linguas oficiais

Segundo o establecido no artigo 5.1. dos Estatutos, na Universidade da Coruña serán linguas oficiais as recoñecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia.

Artigo 23. Do dereito ao uso do galego en todos os niveis e en todas as relacións coa Universidade

Os estudantes teñen dereito a utilizar o galego en todos os niveis e en todas as relacións coa Universidade, sexa para a tramitación de peticións, reclamacións e queixas, sexa na realización de exames, traballos e prácticas.
Os estudantes terán o dereito a que a Universidade se dirixa, en tódos os niveis e relacións, en galego, así como á recepción da actividade docente, sen perxuizos de dereitos de terceiros.

 

------------------------------

Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia

(DOG, do 03/07/2013)

Exposición de motivos

2. Transcorridos máis de vinte anos desde a entrada en vigor da Lei 11/1989, de ordenación do sistema universitario de Galicia, resulta conveniente e necesario abordar unha actualización e simplificación do conxunto normativo que regula o ensino universitario de Galicia, para abordar con ambición todas as políticas públicas necesarias para garantir a coherencia e sustentabilidade do SUG. Actualización que debe cumprir o obxectivo de pular polo ensino público universitario e a investigación que se realiza nas universidades, defender os sinais de identidade de Galicia, nomeadamente a lingua, e apostar polo enraizamento do SUG na sociedade galega, contribuíndo á formación da cidadanía e achegando coñecemento á sociedade.

Artigo 1

f) A promoción do galego, lingua oficial e propia de Galicia, e a súa coexistencia co castelán, tamén lingua oficial, e, se for o caso, con outras linguas de interese para a docencia e a investigación.

Artigo 89. A lingua

1. O galego e o castelán son as linguas oficiais das universidades de Galicia. O uso das linguas oficiais nas actividades universitarias rexerase pola Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e polo que dispoñan as normas propias das universidades.

2. O galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades.

3. A Xunta de Galicia e as universidades, no ámbito das súas competencias, estimularán o coñecemento e o uso do galego en todos os aspectos da actividade universitaria e fomentarán a súa aprendizaxe entre todos os membros da comunidade universitaria.

4. O uso do galego na actividade docente e investigadora poderá terse en conta para os efectos de recoñecemento de méritos individualizados do labor docente e investigador.

Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universatario

BOE, 23/03/2023

Artigo 2. Funcións do sistema universitario

2. Son funcións das universidades:

e) A contribución ao benestar social, ao progreso económico e á cohesión da sociedad e do contorno territorial en que estean inseridas, así como á promoción das súas linguas oficiais, a través da formación, a investigación, a transferencia e intercambio do coñecemento e a cultura do emprendemento, tanto individual como colectiva, a partir de fórmulas societarias convencionais ou de economía social.

Artigo 11. Normas xerais

5. As universidades promoverán as relacións entre a investigación universitaria, as necesidades sociais e culturais e a súa articulación co sistema produtivo, atendendo especialmente á estrutura social e económica do territorio en que están implantadas. Á súa vez, impulsarán iniciativas para compartir, difundir e divulgar os resultados da investigación ao conxunto da sociedade a través de diversas canles, en particular os espazos de formación ao longo da vida. Promoverán, así mesmo, a investigación, a transferencia e intercambio do coñecemento nas linguas oficiais dos seus territorios.

Artigo 20  Universidade e diversidade lingüística
As universidades fomentarán e facilitarán o coñecemento e o uso como lingua de transmisión universitaria das linguas oficiais propias dos seus territorios, de conformidade co disposto nos seus estatutos e na particular normativa autonómica, desenvolvendo plans específicos ao respecto.

As administracións públicas apoiarán e facilitarán o desenvolvemento das políticas universitarias orientadas á cooficialidade e á diversidade lingüística. No que respecta ás universidades públicas, a singularidade lingüística será obxecto de financiamento, nos termos do disposto polo artigo 56.

Artigo 27. Mobilidade internacional da comunidade universitaria
2. O Ministerio de Universidades, as comunidades autónomas e as propias universidades promoverán e difundirán os programas de mobilidade financiados con fondos da Unión Europea, con particular referencia ao programa Erasmus+, así como outros programas de mobilidade que conten con financiamento público, asegurando a igualdade de oportunidades, a non-discriminación e a inclusión das linguas oficiais do Estado español.

Artigo 33. Dereitos relativos á formación académica

c) A coñecer os plans docentes das materias en que prevexa matricularse e ser informado da lingua de impartición.

------------------------------

Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

DOG, 04/05/2015

Artigo 51. Requisitos lingüísticos

1. As administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei garantirán os dereitos constitucionais e lingüísticos das persoas, tanto respecto do galego, como lingua propia e oficial de Galicia, coma do castelán, lingua oficial en Galicia.

2. Para os efectos do previsto neste artigo, para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego nas administracións públicas de Galicia e para garantir o dereito ao uso do galego nas relacións coas administracións públicas no ámbito da Comunidade Autónoma, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se realicen para o acceso aos postos das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter e, de ser o caso, a valoración do coñecemento da lingua galega.

3. Nos demais exercicios das devanditas probas selectivas, as persoas aspirantes teñen dereito a elixir libremente a lingua oficial da Comunidade Autónoma en que os desexan realizar, o que comporta así mesmo o dereito a recibir na mesma lingua os enunciados dos exercicios, agás no caso das probas que se teñan que realizar en galego para aqueles postos que requiran un especial coñecemento desa lingua.

Artigo 74. Deberes e código de conduta

s) Garantir a atención aos cidadáns na lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia que soliciten.

Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público

BOE, 31/10/2015

Artigo 54. Principios de conduta

11. Garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio.

Artigo 56. Requisitos xerais

TÍTULO IV. Adquisición e perda da relación de servizo

CAPÍTULO I. ACCESO AO EMPREGO PÚBLICO E ADQUISICIÓN DA RELACIÓN DE SERVIZO

2. As administracións públicas, no ámbito das súas competencias, deberán prever a selección de empregados públicos debidamente capacitados para cubrir os postos de traballo nas comunidades autónomas que gocen de dúas linguas oficiais.