A alimentación é un dos principais contribuíntes á nosa pegada ecolóxica individual. Hai múltiples cuestións a ter en conta á hora de reducir o impacto da nosa dieta: consumo de produtos locais e de tempada, facerlle fronte ao desperdicio alimentario ou limitar o consumo de produtos de orixe animal, etc.
No seu traballo continuo en prol da sustentabilidade, a OMA leva anos colaborando coa UDC Saudable para a promoción de hábitos de alimentación saudables e sustentables. Parte desta sinerxia reflíctese na elaboración de dúas exposicións que analizan a relación entre os alimentos que consumimos e a nosa saúde e a do planeta, valorando cuestións como a pegada ecolóxica e orixe dos alimentos, o desperdicio alimentario ou as prácticas para reducir os seus impactos.
Poden visitarse as exposicións nas seguintes ligazóns:
→ Exposición 'Prato de Harvard': trátase dunha guía de axuda para levar a cabo unha dieta saudable, centrándose nas proporcións dos tipos de alimentos. Ademais, recolle múltiples opcións dentro de cada grupo de alimentos, analizándoos segundo a súa orixe, pegada hídrica... E tamén achegando ideas de receitas.
→ Exposición 'Compra saudable e sustentable': hai múltiples cuestións que poden favorecer que a nosa cesta da compra sexa máis sustentable. Desde os lugares onde mercamos e os envases que consumimos, ata a conservación dos alimentos unha vez no fogar teñen un impacto na pegada ecolóxica relacionada coa alimentación. Saber como reducila está nas nosas mans.
Ambas exposicións encóntranse dispoñibles para o préstamo á comunidade universitaria. Solicitudes: oficina.sustentabilidade@udc.gal.