Unha das principais accións de sensibilización á comunidade universitaria para o depósito de cada fracción de residuos no seu sitio, son as caracterizacións de residuos nos centros da UDC, que a súa vez permiten a obtención de datos cuantitativos da calidade da participación na recollida separada.
A maior campaña de concienciación sobre a prevención de residuos en Europa que este ano 2024 levou o lema `O bo gusto non ten desperdicio´, pretendeu unir forzas para cambiar a forma en que se producen, consumen e distribúen os alimentos en Europa. Na convocatoria deste ano 2024 tamén se uniron forzas na UDC, coordinando accións conxuntas entre a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) e a Oficina de Sustentabilidade (OdS), pois a prevención do desperdicio alimentario e a xestión dos residuos son cousa de todos e todas.
Todos os detalles, accións realizadas e os resultados da campaña EWWR 2024 están dispoñibles no seguinte documento:
INFORME EWWR 2024 E CARACTERIZACIÓN DE RESIDUOS NA FACULTADE DE INFORMÁTICA
Unha das accións de implicación da OMA-UDC na EWWR 2023 foi o estudo de caracterización de residuos en tres centros docentes da UDC que contan con recollida separada (RS) segundo o modelo Nostián: Facultade de Ciencias (Campus A Zapateira), F. de Socioloxía e F. de CC. da Comunicación, estas dúas últimas comparten edificio no Campus de Elviña. O estudo completouse coa exposición “Os residuos na UDC – Modelo Nostián”, composta por 16 paneis con información de actualidade (actualizada ano 2023), que estivo localizada na F. Socioloxía do 13/11 ao 04/12/2023, e na F. Ciencias do 27/11 ao 13/12/2023, estimándose a visita libre en 100 persoas (4 persoas/día en 25 días sumando as dúas localizacións), máis 40 persoas nun chamamento de visita guiada na F. Socioloxía o día 16/11/2023.
Despois da análise dos datos, obtivéronse os índices de calidade da separación, de materiais propios en cada colector (%IP) e de captura dos materiais para a súa reciclaxe (%IC), referidos neste estudo ao ámbito do centro no que está implantadas a recollida separada. Os índices de calidade medios resultado destas campañas foron do 78% en propios e do 81% en captura de materiais.
En xeral, na Facultade de Socioloxía e de CC. da Comunicación os índices foron lixeiramente superiores para FORM e P/C respecto a Fac. de Ciencias. Na fracción FIRM os resultados foron case os mesmos en ambos centros.
Descarga o Informe EWWR 2023: Caracterización de residuos nas Fac. de Ciencias e Socioloxía-CC da Comunicación.
A campaña de maio desenvolveuse nas F. Ciencias, F. Economía e Empresa. En novembro, coincidindo coa Semana Europea para a prevención dos residuos (EWWR) realizouse nas F. de Ciencias, F. de Ciencias da Educación, F. de Dereito, ETS de Náutica e Máquinas.
A captura de materiais nas tres fraccións principais das illas de recollida separada é boa, en todos os casos por enriba do 52%.
En ambas convocatorias do ano 2021, detectouse maior proporción de presenza de impropios nos colectores azuis de papel e cartón (P/C) respecto a anos anteriores, debido principalmente a vasos de bebidas quentes e panos hixiénicos, resultando a media de propios (%Ip) entre o 80 e 85%, valor inferior aos de anteriores caracterizacións, que estaban por encima do 95%.
Con esta salvedade que require de campañas informativas continuadas, os bos resultados das recollidas implantadas nas áreas comúns das facultades animan a facer extensivo o modelo a despachos, aulas e outros lugares específicos, nas escolas e facultades que aínda non dispoñen del.
Os detalles poden consultarse nos informes específicos:
Descarga o Informe maio 2021: Caracterización de residuos nas Fac. de Ciencias e Economía (maio)
Descarga o Informe novembro 2021 (EWWR, Semana Europea para a Prevención de Residuos): Caracterización de residuos na Facultade de Ciencias, F. de Ciencias da Educación, F. de Dereito, ETS de Náutica e Máquinas.
Durante a Semana Europea para a prevención dos residuos fixéronse caracterizacións de residuos nas EU. Arquitectura Técnica, ETSE. Camiños, Canais e Portos, e F. Ciencias da Educación.
Despois da análise dos datos, pódese concluír que a separación en tódalas facultades é moi boa no caso do papel e cartón, posto que se corresponden en elevada captura (86-99%) e propios (96-98%).
A bolsa verde correspondente á materia orgánica tamén ten polo xeral uns resultados moi axeitados en canto a materiais propios: o colector verde acada índice de propios do 95-98%. Porén, detéctase que esta fracción orgánica se está a depositar tamén no colector de fracción inerte (FIRM), facendo que este apareza só con 45-55% de propios.
Nos tres centros estudados, a recollida separada neta variou entre o 24 e o 63% dos residuos xerados. Estas porcentaxes máis baixas do que indican as calidades e capturas dos contedores de recollida separada débese a que esta non se estendeu aínda a todas as áreas dos centros, en particular aulas e despachos. Os bos resultados das recollidas implantadas animan a facer esta extensión o antes posible.
Descarga do Informe ano 2020: Caracterización de residuos en tres centros da UDC: EUAT, ETSECCP, FCCEE
Os resultados de 2019 indicaron moi boa acollida das campañas de sensibilización, chegando a uns 400 estudantes de forma directa, e adicionando a participación de voluntariado en actividades de limpeza. Ademais mostra os resultados positivos na separación en orixe nos tres centros nos que recentemente se implantou a recollida separada de fracción orgánica.
As actividades que se desenvolveron durante o ano 2019 foron: participación na Semana Europea de Prevención dos Residuos, caracterización dos residuos en 4 centros da UDC, adaptación ao sistema de segregación interna na Facultade de Ciencias e no Ed. Xoana Capdevielle, instalación de equipamentos para a mellora na separación de residuos, e xornadas informativas nas aulas dirixidas especialmente a alumnado de 1º curso.
A campaña completouse coa elaboración da Exposición O lixo na UDC – Modelo Nostián.
Descarga o informe completo campaña residuos 2019
No apartado de caracterizacións en 4 centros da UDC, os resultados acadados durante a EWWR mostraron índices de captura (%IC) elevados, con medias do 83% para a fracción seca, 84% para a orgánica e 99% para o P/C, aínda que con valores que roldan o 67% nalgún dos centros e que deben ser obxecto de mellora. A calidade das fraccións, indicada polo índice de propios (%IP) presenta valores medios do 83% (fracción seca), 89% (orgánica) e 95% (P/C). Todas elas deben ser obxecto de mellora, particularmente a de papel pola presenza de residuos de envases. A fracción orgánica está próxima ou por riba do 85%, valor que se considera o mínimo para a elaboración de compost de calidade agrícola (clase B).
Os resultados poden considerarse moi positivos, fundamentalmente se os comparamos coa recollida separada no conxunto do país, ou incluso no ámbito Nostián.
Descarga do Informe ano 2019: Caracterización de residuos en catro centros da UDC: EUAT, ETSECCP, FCCEE, FCC
Desenvolveuse unha primeira caracterización de diagnóstico no mes de febreiro, e despois dunha campaña informativa no centro, repetiuse a acción en maio do mesmo ano.
En todos os casos houbo melloras, incrementándose a porcentaxe de materiais propios que alcanzaron cifras próximas o 70% na bolsas verde e marela, e ao 95% no contedor de papel/cartón. A presenza de papel nas bolsas verde e amarela foi moi reducida (1,4 e 0.9%, respectivamente). Os impropios no contedor de papel correspondendo sobre todo a envases (3,6%) e en menor medida residuos orgánicos (1,6%). Porén, os residuos de envase presentes son moi visibles e, a pesar da mellora, seguen superando os índices habituais nos contedores de papel a nivel urbano. Por tanto, queda unha marxe para a mellora da calidade do papel recollido.
Descarga do informe 2017: Caracterización de residuos na FCCEE
Este traballo de caracterización de residuos xerados nos centros dos campus de Elviña e A Zapateira da UDC realizouse no segundo semestre do curso 2013/2014. Os residuos considerados no estudo foron os recollidos polo servizo de limpeza en aulas, corredores, laboratorios, despachos e áreas de administración. Por tanto, exclúense deste informe as fraccións correspondente aos servizos de restauración, así como as fraccións obxecto de recollida selectiva polo propio servizo (sobre todo, papel/cartón).
Os residuos caracterizados teñen como destino o contedor da fracción resto que recolle o servizo municipal. Destaca o feito de que o papel é a principal fracción impropia, a vez que reciclábel, estando presente nunha porcentaxe media do 24%, variando desde o 3% ao 63% segundo o centro. O modelo de segregación e recollida de papel aplicado nas facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tense mostrado moi eficaz. A súa extensión aos demais centros de Elviña-A Zapateira, permitiría recuperar uns 8.000 kg de papel cada ano, adicionais ás cantidades que se recuperan hoxe co modelo existente.
Descarga o informe 2014: Caracterización de residuos do servizo de limpeza na UDC (Informe 13/14 Elviña - A Zapateira)