Hortas

 

Convocatoria 2025 de acceso ao uso das hortas da UDC, nos Campus de Elviña e Ferrol
Para o exercicio anual 2025 establecéronse as seguintes taxas: Campus Elviña: 40€ (estudantado) e 80€ (persoal traballador); Campus Ferrol: 15€ (estudantado) e 30€ (persoal traballador).

As hortas urbanas da UDC

A Universidade da Coruña (UDC) conta na actualidade cun total de 40 parcelas duns 20m2 no Campus de Elviña, e de 30 bancais de 1,2m2 no Campus de Ferrol. 

A actuación por parte da UDC incluíu o peche parcial do espazo, adaptación ao novo uso, abonado de fondo con compost de calidade ecolóxica, achega de auga para rega dos cultivos e un caseto con ferramenta. As persoas usuarias (metade estudantes e metade persoal) pagan unha taxa anual e reciben unhas xornadas de asesoramento por unha persoa experta.

Os obxectivos do proxecto, enmarcado nos actuais procesos de ambientalización das universidades, son:

  • Facilitar o contacto co medio natural e o solo produtivo, nunha sociedade cada vez máis urbanizada.
  • Fomentar a percepción do solo produtivo como recurso básico para a sustentabilidde, sendo un recurso escaso.
  • Conservar e mellorar a biodiversidade e a diversidade paisaxística nos Campus. Os agrosistemas son elementos chave.
  • Pechar o ciclo da materia orgánica no ámbito local (grazas a compostaxe de residuos de comedor e xardinería da UDC).
  • Fomentar a percepción do potencial local para a produción de alimentos de calidade.

As hortas urbanas da UDC buscan avanzar na xestión ambiental sustentábel do campus e contribuír á concienciación ambiental da comunidade universitaria e da sociedade en xeral.


 

Normas de funcionamento e localización das parcelas

O uso destes terreos e a relación entre as persoas usuarias e a Universidade rexerase polas normas en vigor de hortas da UDC (2015) e adaptadas ás características de Ferrol (2024). 

Todas as dúbidas sobre hortas da UDC poderán formularse a través do correo habilitado: hortas@udc.gal.


Estudo de avaliación e satisfacción das persoas usuarias das hortas (2013-2019)

RESULTADOS

Recibíronse 26 respostas das persoas usuarias actuais (outubro 2019), o que representa un 65% sobre o total (40 parcelas), incluíndo aquelas que xa non estaban cultivando por baixa ou abandono recente.

Tamén contestaron 16 persoas xa non usuarias (dun total de 59 enderezos de correo-e; 27%), pero que o foron entre 2013 e 2018 por un período que foi de 1 a 3 anos.

O uso do compost producido no ámbito dos campus da UDC, a partir dos restos orgánicos dos comedores e de xardinaría, está a ser utilizado pola maioría das persoas usuarias como principal ou mesmo única fonte de fertilización.

VALORACIÓN GLOBAL

Nunha escala de 1 a 4 puntos, as hortas da UDC foron cualificadas con 3 (42%) e 4 (58%) puntos polas usuarias actuais (45 e 52%, respectivamente, para o total de resposta de usuarias actuais e anteriores).

Isto representa unha valoración moi positiva, sen prexuízo de moitos dos aspectos que a enquisa pon de manifesto que poden ser mellorados.

Ademais, as persoas usuarias manifestaron nun % 79% que a UDC debería habilitar máis espazos de hortas para a comunidade universitaria.


A horta na cidade (Primavera Ambiental 2013)