A investigación é o intento de descubrir e coñecer a realidade mediante a explicación e a comprensión dos fenómenos naturais e sociais. Investigar é, ademais, unha actividade cooperativa establecida socialmente para perseguir o coñecemento, que é o ben que lle dá sentido e lexitimidade, e que está acompañado por outros bens específicos en cada rama ou área de investigación: saúde, xustiza, eficiencia.
Xunto a este ben primario, o persoal investigador pode e adoita perseguir lexitimamente outros bens externos ou secundarios, que son consecuencia da procura ou obtención do coñecemento: ingresos dignos, recoñecemento, prestixio e progreso profesional.
Investigar é un trazo distintivo da tarefa universitaria, que forma parte das funcións básicas da UDC: crear, desenvolver, transmitir e avaliar criticamente a ciencia, a técnica e a cultura; preparar para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos; ou difundir e transferir coñecemento ao servizo da cultura, a calidade de vida e o desenvolvemento económico.
En consecuencia, a UDC debe promover a investigación, establecer as condicións persoais, materiais e institucionais que aseguren a súa calidade e contribuír a consolidar unha cultura ética en todos os aspectos da actividade investigadora.
A integridade científica podería ser o valor, o principio ou a virtude que sintetice o comportamento dun/unha investigador/a responsable. Non obstante, convén desenvolver o seu significado a través dunha serie de valores e principios que integran o Código ético da investigación da UDC.
Código ético da investigación da UDC
As boas prácticas de investigación son esenciais para producir unha ciencia de alta calidade e xerar as evidencias que sustentan os avances nas diferentes áreas de coñecemento.
Son o fundamento das carreiras investigadoras e da educación de primeiro nivel, e achegan seguranza aos/ás investigadores/as, cuxa actividade se apoia e relaciona cos resultados da actividade doutros.
As boas prácticas de investigación axudarannos tamén a construír a confianza pública no proceso científico e nos seus resultados.
Manual de boas prácticas de investigación
Este documento debe considerarse conxuntamente co de Carreiras profesionais alternativas e axudas á mobilidade para investigadores da UDC, en tanto que as dúas primeiras etapas da carreira profesional que aquí se describen (R1 e R2) son comúns a ambas as clases de itinerarios.
As dúas últimas etapas da carreira profesional (R3 e R4) descritas neste documento teñen como meta final a incorporación ao persoal docente e investigador (PDI) da UDC de investigadores independentes, estables e líderes nos seus respectivos campos do saber.
Debe entenderse que en calquera momento se pode proseguir noutra universidade, nacional ou estranxeira, a carreira profesional académica iniciada na UDC, coas especificidades propias de cada institución, comunidade ou país, ás que non se fai referencia neste documento.
Carreira profesional académica
Segundo a Enquisa de seguimento de carreiras profesionais de doutoramentos da European Science Foundation 2017, o 47% dos doutors que obtivo o seu título nos sete anos anteriores (2010-2016), outorgados por calquera das nove organizacións asociadas (ningunha de España), traballa na universidade. Porén, o sector laboral difire amplamente dependendo do campo de estudo, coas porcentaxes máis altas a este respecto para os enquisados que estudan ciencias sociais (58%) e humanidades (56%), e os máis baixos para aqueles que estudan ciencias médicas e da saúde (30%).
Este problema estrutural alimenta a extraordinaria importancia dos esforzos para ofrecer unha maior preparación, sexa durante a fase de formación, sexa mediante o desenvolvemento profesional continuo, para aqueles que procuran carreiras non académicas.
A Universidade da Coruña desexa mellorar a capacitación nestas áreas, principalmente a través da súa Escola Internacional de Doutoramento (EIDUDC) e os seus centros de investigación, en colaboración co Centro de Capacitación e Innovación Educativa da UDC (CUFIE), a Biblioteca da UDC, a Oficina de Relacións Internacionais da UDC (ORI) e a Oficina de Transferencia de Tecnoloxía da UDC (OTRI).
Carreiras profesionais alternativas