IALA é un grupo de investigación formado por profesorado da Universidade da Coruña e persoal externo que comparte o interese pola historia e a teoría da arquitectura e, particularmente, pola relación entre modernidade e contemporaneidade no ámbito galego.
O traballo de IALA céntrase na investigación académica, a innovación docente, a transferencia de coñecemento a institucións e a empresas e a divulgación á sociedade da historia da arquitectura, entendida nas súas múltiples dimensións e escalas, desde o deseño ata o territorio.
O acrónimo IALA fai referencia a Introdución á Arquitectura, materia de primeiro curso do Grao en Estudos de Arquitectura impartido na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, onde o grupo tivo a súa orixe como unha experiencia docente e investigadora compartida.