Entrevista a Alba González Ramos

Alba González: “Un día ás catro da mañá fixen a matrícula no Grao de Máquinas Navais”

Alba González Ramos é da Coruña, acaba de cumprir 21 anos e gústalle tanto o mar coma o monte. Está cursando 3º do Grao en Máquinas Navais da ETS de Náutica e Máquinas da UDC e conseguiu por dous anos consecutivos o premio á excelencia académica 'Ángela Ruiz Robles'.

Hoxe temos a oportunidade de falar con ela sobre as claves para ter un bo expediente académico, a presencia feminina no sector naval e cales serán os seus seguintes pasos.

 

1. Antes de nada, parabéns polo premio á excelencia académica 'Ángela Ruiz Robles'. Cal é clave para ter un expediente de sobresaliente?

A verdade: moito traballo, pero tamén hai que ser ordenada. Hai tempo para todo se te sabes organizar ben.
Durante o primeiro ano seguín facendo todo o que adoitaba facer no instituto, adestrando, quedando cos meus amigos... tes menos tempo pero é organizarse.

 

2. O ano pasado, no teu primeiro curso de carreira, tamén recibiches este premio. Que supón para ti volver recibir este recoñecemento?

Fíxome ilusión, pero a verdade é que non o esperaba. Ademais saíu a convocatoria dos premios xusto antes da entrega dos anteriores e na véspera do Patrón da Escola, así que no momento non lle prestei moita atención.

 

3. Sempre tiveches claro que querías estudar o Grao en Máquinas Navais ou como te decantaches por el?

Intentei non pecharme ningunha porta no bacharelato, así que levaba un bo expediente porque tiña claro que quería estudar una carreira tecnolóxica. De sempre lle vin moito potencial ao mar, e eu quería estudar algo relacionado coa enerxía e cos barcos.
O último ano de instituto estiven bastante dubitativa, tiña varias opcións, non sabía se facer o Dobre Grado de Naval con Enxeñaría Mecánica en Ferrol; Máquinas ou, incluso, Forestais en Lugo, xa que o monte tamén me gusta moito.
Rematei escollendo a carreira de Máquinas un día de insomnio ás catro da mañá. Levanteime coa idea clarísima, nese momento souben que era o que quería estudar. A verdade é que cadraban bastantes cousas: gustábanme as saídas profesionais da carreira; o temario que se impartía pareceume moi interesante e, para colmo, toda a xente que coñecía que estudara Máquinas falábame marabillas tanto da Escola como das saídas profesionais.
Así que ao final un día ás catro da mañá fixen a matrícula no Grao de Máquinas Navais.

 

4. O sector naval sempre estivo relacionado cos homes, aínda que cada vez hai más presencia feminina. Que opinas sobre isto?

Claro que tiven presente isto á hora de escoller a carreira, de feito moita xente cando lle dicía que ía a estudar Máquinas Navais mirábame raro, dicíame que iso non era para min, que eran cousas de homes. A verdade deume sempre un pouco igual o que dixeran, poida que ata me picaran un pouco. Axudoume que a miña familia nunca o puxera en dúbida, nin o meu pai nin a miña nai.

O que me chamaba a atención das críticas era de quen proviñan: que se a profesora de Lingua Galega cun lazo morado na lapela da chaqueta: “ai Albiña pero que vas facer nun barco rodeada de tantos homes, poderías facer Medicina”; que se dun coñecido de 1,60 metros que “coma unha muller ía facer ese traballo, que precisaba moita forza”.

No meu caso non fixen caso de nada de isto. Son consciente de que o sector naval é historicamente masculino, pero hoxe en día eu creo que tanto homes coma mulleres podemos levar a cabo estes traballos. Claro está que eu non vou ter a mesma forza ca de un home de 1,80 metros, pero é que estamos estudando para ser oficiais da Mariña Mercante, non vou a estar aguantando culatas coas miñas mans nin utilizando chaves máis grandes ca min. Hoxe en día os traballos son moito menos duros e hai un montón de axudas, como dispositivos hidráulicos, pneumáticos e a maioría das cousas utilizando un pouco a cabeza poden resolverse soas.

Sexa polo que sexa tamén vexo que non hai tampouco unha gran emoción entre o xénero feminino por este mundo, non sei se é por prexuízos ou pola educación que se recibe dende pequenas. É unha pena que non haxa máis rapazas que queiran entrar neste mundo, porque sen iso a balanza non vai cambiar.

Ás novas xeracións diríalles que se animasen e non se sentisen presionadas, que é unha carreira moi bonita e chea de oportunidades.

 

5. Que lle recomendarías aos futuros estudantes do Grao en Máquinas Navais?

Os primeiros anos son os máis complicados, pero a medida que pasan os cursos a cousa mellora moito. En canto aos estudos, pode parecer tópico, pero que leven as materias ao día, que pregunten as dúbidas.

 

6. Cal é a túa materia favorita e por que?

Non teño unha materia favorita. Ademais non axuda que estean todas relacionadas, por poñer un exemplo, podemos estar na clase de Motores falando de electricidade ou en Sistemas falando de turbinas.

As materias de Termodinámica ou Frío gústanme bastante, pero tamén me gustan as máis prácticas, coma Mantemento, soldar é moi entretido, e as prácticas de Seguridade cos traxes de supervivencia ou o de contra incendios, probablemente son das mellores experiencias que me levo da carreira.

 

7. Unha vez que remates a carreira, sabes o que che gustaría facer?

Esta é unha pregunta que me fan moitas veces, pero a verdade é que non o sei. Temos moitas portas abertas, polo de pronto facer as prácticas embarcada e, logo, a onde me leve o vento!

 

Síguenos en: Instagram | LinkedIn | WhatsApp

+Entrevistas