A Coruña, 9 de outubro de 2025 .– A Universidade da Coruña (UDC), a través do Servizo UDC Saudable, dependente da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, presenta "6 Meses, 6 Causas 2025-26", un programa innovador deseñado para visibilizar as principais problemáticas que afectan á saúde das mulleres na nosa comunidade.
Esta iniciativa, que se desenvolve no marco do Eixo 3 "Mulleres e Saúde" do Plan Vida Saudable e Benestar de UDC Saudable, está coordinada pola profesora Zeltia Naia Entonado e representa un compromiso firme da universidade co benestar e a equidade en saúde.
Alimentación e menopausa
O programa iniciouse o día 2 de outubro, coincidindo co Día Nacional das Universidades Saudables, cunha conferencia sobre "Alimentación saudable na menopausa" que tivo lugar na Facultade de Dereito. Esta primeira actividade, que contou coa presenza dunha vintena de participantes coa participación da directora de Nutriciona e a presenza institucional do director UDC Saudable, marcou o punto de partida dunha iniciativa que se estenderá ao longo de cinco meses máis, abordando seis causas fundamentais para a saúde feminina.
A seguinte conferencia do programa terá lugar o 28 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias, e será sobre a muller e a nena na ciencia. Así ata completar a programación de 6 eventos, os cales se pronlongarán ata o mes de abril.
Un enfoque integral e necesario
O programa "6 Meses, 6 Causas" engloba de xeito sistemático e rigoroso seis áreas de interese para a saúde feminina, poñendo atención específica a cada unha delas. Esta estratexia permite unha análise profunda, actividades formativas e accións de sensibilización que inciden directamente na mellora da calidade de vida das mulleres da comunidade universitaria e da súa contorna.
A iniciativa nace da necesidade de dar resposta aos retos específicos que enfrontan as mulleres en materia de saúde, moitas veces invisibilizados ou tratados de xeito insuficiente nos sistemas sanitarios e educativos.
UDC Saudable: un compromiso de futuro
Este programa consolida o compromiso da UDC coa promoción de hábitos saudables e o benestar integral da súa comunidade, incorporando a perspectiva de xénero como elemento fundamental. O Plan Vida Saudable e Benestar: un Compromiso coa Comunidade 2025-2030 posiciónase así como unha ferramenta estratéxica para construír unha universidade máis saudable, equitativa e responsable socialmente. Con '6 Meses, 6 Causas' “quérese poñer o foco nas necesidades reais das mulleres, xerando espazos de coñecemento, reflexión e acción que contribúan a mellorar a súa saúde física, emocional e social".
Participación aberta á comunidade universitaria e a sociedade
O programa está dirixido a toda a comunidade universitaria —estudantado, persoal docente e investigador e persoal técnico de administración e de servizos— así como á sociedade da contorna. Ao longo dos próximos meses, desenvolveranse diferentes actividades, charlas, obradoiros e accións de sensibilización en torno ás seis causas seleccionadas.
Para máis información sobre o programa "6 Meses, 6 Causas" e o Plan Vida Saudable e Benestar da UDC, pode consultarse a páxina web de UDC Saudable.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC