A Coruña, 28 de abril de 2026
A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Así, do 10 ao 14 de agosto de 2026, o Paraninfo da UDC convertirase na sede dun encontro internacional de cosmoloxía, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley (Universidade de Berkeley, California), a Fundación Simons e a Universidade da Coruña. Durante esa semana daranse cita na Reitoría máis de 300 investigadores de primeira orde procedentes de países de todo o mundo.
Nun momento no que a cosmoloxía está a dar pasos importantes pola dispoñibilidade de grandes volumes de datos procedentes de experimentos punteiros como DESI, Euclid, Rubin, o Observatorio Simons e outros que están revolucionando este campo da ciencia, esta conferencia servirá de plataforma para debater como as novas técnicas, especialmente na análise de datos mediante intelixencia artificial, poden levar a nosa comprensión cara a novos horizontes.
Nesas mesmas datas o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, no Campus de Elviña, acollerá a Third Solar MHD Conference, unha cita centrada na física solar cun enfoque práctico. A axenda da MHD Conference é especializada, cubrindo temas avanzados como as observacións de eclipses e coronais, o uso de machine learning e big data en física solar, así como modelos de plasma multifluido.
Un programa divulgativo para coñecer máis o noso ceo
En materia de divulgación, desde a Unidade de Divulgación Científica da UDC estanse a poñer en marcha varias iniciativas para ofrecer ao público non especializado diferentes claves que permitan entender mellor este fenómeno, así como recomendacións para ter unha boa visualización e desfrutar da experiencia con seguridade.
A primeira delas desenvolverase esta semana, coincidindo co feito de que de o día 30 de abril a posición do Sol será prácticamente a mesma que a prevista para o próximo 12 de agosto, co que será unha boa ocasión para testar os mellores puntos de visión. Neste caso trátase dunha actividade dirixida á comunidade universitaria que se fará no Planetario da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas. Así, o día 29 esta instalación acollerá a sesión “Navegando polas estrelas”, a cargo de Alsira Salgado e Ángel Arós.
Unha sesión que combinará a posta en valor o planetario como recurso científico e didáctico e a súa utilidade para comprender o ceo e a astronomía vinculada á navegación con explicacións científicas vencelladas ao eclipse do 12 de agosto incluindo as claves para a unha boa observación e as medidas de seguridade que se deberán adoptar para facelo de modo axeitado e responsable.
Xa por último, Xabier Pérez Couto (@astroxabi), investigador predoutoral no CITIC, membro do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial (LIA2) e participante no proxecto Smart Data para unha análise multicolor da Vía Láctea en Gaia.UDC, será o encargado do obradoiro “Cando a Lúa apaga o Sol: a gran eclipse de 2026 na Coruña” que se celebrará no mes de xuño no MUNCYT.
O obradoiro combinará unha explicación divulgativa sobre a eclipse, en que se analizarán os intereses científicos asociados a este fenómeno, con orientacións para a súa observación segura.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC