A Coruña, 16 de febreiro de 2024.- O Grupo de Investigación Saúde e Podoloxía (GISAP) da Universidade da Coruña acaba de pechar un acordo de colaboración coa empresa de intelixencia artificial NSAtech LLC de Qatar, a través do cal ambas as dúas entidades comprométense a fomentar o intercambio de experiencias e de profesionais, profesorado e persoal investigador nos campos da docencia e a investigación.
A iniciativa está liderada por Daniel López López, profesor da Área de Enfermería e coordinador do grupo de investigación, e Carmen de Labra Pinedo, docente da Área de Fisioloxía. A sinatura do convenio, levada a cabo polo reitor da UDC Ricardo Cao, permitirá ao alumnado de grao, posgrao e aos membros do grupo de investigación acceder aos recursos da entidade para o desenvolvemento de iniciativas que faciliten reforzar a investigación e a innovación co obxectivo de contribuír a mellorar a saúde das persoas e o rendemento dos deportistas de maneira xeral.
Así mesmo, as dúas entidades poderán ofrecer e recibir asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa súa actividade, e intercambiar libros, publicacións e outros materiais de investigación e docencia.
O acordo subscrito terá unha duración de 4 anos, que contan desde a data de sinatura unha vez que o ratifique o Consello de Goberno e que poderán serán renovables por un período de ata catro anos adicionais.
NSAtech L.L.C (Novel Science Artificial Intelligence Technology)
É unha entidade con base en Qatar que ten, entre outros obxectivos, proporcionar servizos e solucións únicas para fisioterapeutas, clubs, academias, eventos, federacións e diversas industrias baseadas en tecnoloxía de Intelixencia Artificial.
Foto: Carmen de Labra Pinedo, docente da Área de Fisioloxía e Daniel López López, profesor da Área de Enfermería e coordinador do Grupo de Investigación Saúde e Podoloxía (GISAP) da Universidade da Coruña.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC