A Universidade da Coruña, presente na Feira Biocultura da man dos proxectos Life in Common Land e RURALtXA!

Nota de prensa

4/03/24 8:07

  • Institucional

A Coruña, 4 de marzo de 2024.- Un equipo da Universidade da Coruña capitaneado polo profesor da Área de Botánica e membro do grupo de Investigación en Bioloxía Costeira (Biocost) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), Jaime Fagúndez, participou estes días na Feira Biocultura, que tivo lugar en Expocoruña.

Fixérono o sábado, día 2 de marzo, as 19:00 horas, para presentar o proxecto “Life in Common Land” centrado na conservación dos hábitats atlánticos da Serra do Xistral (Lugo), a través dun modelo sostible de desenvolvemento rural, levado a cabo conxuntamente coa Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela; e tamén “RURALtXA!”, que busca impulsar a gandaría extensiva e outros usos tradicionais,  ao tempo que se conservan a biodiversidade e a paisaxe.

 

Life in Common Land

            Este proxecto naceu co obxectivo de reverter as ameazas que afectan aos hábitats da Serra do Xistral, como o abandono dos usos tradicionais, sobre todo o pastoreo, o cal altera a composición e configuración da paisaxe; a ambigüidade nas directrices de xestión medioambiental, a degradación dos hábitats vinculados á actividade humana, o cambio climático e a perda de poboación nas áreas de montaña.

            Unha das chaves do proxecto é o emprego de ferramentas colaborativas que establezan sinerxías entre os montes veciñais de man común, as administracións e a sociedade.

Os montes veciñais de man común son montes de natureza privada e colectiva na que un conxunto de veciños teñen a súa titularidade e aproveitamento. Así, a comunidade titular do monte é variable, en función dos residentes dunha determinas zona.

Esta peculiar forma de tenencia común do territorio suporá a necesidade de adaptar os esquemas de funcionamento en outras áreas Atlánticas á realidade socioeconómica de Galicia, abríndose a posibilidade de exercer un efecto demostrativo en zonas que, aínda estando fóra da rexión Atlántica, manteñan un sistema de tenencia común similar, tanto en Galicia como nalgunhas zonas de Asturias, Castela e León e Portugal.

            O proxecto empregou un sistema de drons para seguir o estado de conservación dos hábitats, e deseñou a aplicación dun sistema de pagos por resultados de conservación a aquelas comunidades que levaron a cabo unha actividade agrogandeira que incidise na conservación dos hábitats, contando co compromiso da Xunta de Galicia de utilizar os resultados da investigación na redacción do próximo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).

 

RURALtXA!

            O obxectivo principal de RURALtXA! é impulsar as actividades tradicionais de montaña vinculadas á conservación de hábitats como motor de desenvolvemento da bioeconomía do medio rural, creando un sistema integrado dirixido ás persoas gandeiras comprometidas cun manexo sostible e orientado á conservación.

Así, a través da revalorización destas actividades e os seus produtos, mellorará a viabilidade das explotación e a calidade de vidas dos actores rurais como motor de desenvolvemento sostible en áreas que se enfrontan ao reto do despoboamento.

O proxecto desenvólvese na Serra do Xistral, en Monte Maior, Serra da Faladoira, Serra da Groba, en Galicia; e en Gorbeia, Aizkorri-Aratz, Aralar, Azkamo-Gibijo-Arastaria e Salvada Mendileorra, no País Vasco.

            A UDC é a representante da agrupación e coordinadora do proxecto, dirixido por Jaime Fagúndez, e o equipo formado por María José Servia, profesora na Facultade de Ciencias; José A. Cortés, profesor na Facultade de Socioloxía; Laura Lagos investigadora asociada na UDC, Flavia Cardoso técnica superior de apoio á investigación na UDC e Emma Pérez auxiliar administrativa na UDC. Ademais da Universidade da Coruña, forman parte do proxecto a HAZI Fundazioa e a Universidade de Santiago de Compostela.

Sobre Biocultura

Biocultura é unha feira de turismo ecolóxico e produtos naturais e saudables que reúne en Expocoruña a máis de 150 expositores dos sectores da alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar, eco-estilo de vida, artesanía e ONG’s. Ademais das exposicións, teñen lugar máis de 150 actividades de diversa índole, como talleres, relatorios, presentacións, cociña ao vivo, etc., dirixidas a todos os públicos.

A entidade organizadora da feira é a ONG Vida Sana, e a recadación das entradas ao evento irá destinada a colaborar con proxectos sociais e medioambientais desta asociación.

 

Foto: Jaime Fagúndez, profesor da Área de Botánica e membro do grupo de Investigación en Bioloxía Costeira (Biocost) do CICA.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC