Aprobada a memoria de xestión da UDC do ano 2024

Nota de prensa

15/05/25 13:32

  • Institucional
  • No Claustro celebrado hoxe tamén se presentou o informe da Valedora, que recolle as queixas e reclamacións da comunidade universitaria. 
  • O reitor destacou os “avances significativos” acadados na UDC, que o ano pasado consolidou a súa oferta formativa e incrementou a súa actividade investigadora. 
  • Salientou fitos como a alianza Emerge, a captación de fondos de investigación e a incorporación de dous novos centros á Rede CIGUS. 

A Coruña, 15 de maio de 2025 .– O Claustro da Universidade da Coruña foi hoxe o marco no que o reitor da UDC, Ricardo Cao, presentou a memoria de xestión da institución correspondente ao ano 2024, o primeiro do novo equipo de Goberno.

Neste documento, que foi aprobado por maioría dos presentes no claustro,  recóllense os principais avances en áreas como a docencia, a investigación, a internacionalización, infraestruturas, igualdade, sustentabilidade e responsabilidade social.

Así, no eido da oferta académica, a UDC consolidou unha oferta ampla e innovadora, con 43 graos, 7 programas de simultaneidade e 2 graos abertos. Na procura da máxima calidade docente, destaca a concesión do Selo de Grao de Excelencia aos Graos en Enxeñaría Informática e Fisioterapia, dous dos tres únicos no SUG con este selo, que se engaden aos 9 selos de excelencia en másters da UDC sobre os 14 concedidos en todo o SUG.

A universidade avanzou tamén na adaptación normativa ao Real Decreto 822/2021, polo que se establece a organización do ensino universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade, aprobando novas normativas sobre modalidades docentes e permanencia do estudantado. A calidade docente foi avaliada a través do programa DOCENTIA, cun 58 % do profesorado cualificado como excelente.

Pola súa banda, no eido da internacionalización, aprobouse unha nova estratexia 2025-2027, sendo o fito máis destacado a consecución da alianza Emerge por parte da Comisión Europea, no que a UDC lidera os paquetes de traballo relativos a investigación e mobilidade. A institución participou tamén en 23 proxectos Erasmus+, e neste programa acadáronse as seguintes cifras: 327 estudantes saíntes e 420 entrantes. 

A Investigación e Transferencia son dous eidos nos que esta memoria pon o seu foco. A UDC reforzou o ano pasado a súa estrutura investigadora coa incorporación do CICA á rede CIGUS e do CITEEC como centro colaborador. Así mesmo, o Campus Industrial renovou a súa especialización ata 2028 cun financiamento de 6,6 millóns de euros

Un fito que se complementa con outras cifras de interese, como que a captación de fondos internacionais superou os 5 millóns de euros e os recursos externos totais acadaron os 34 millóns, grazas á visibilización nesta memoria de convenios e cátedras. Mellorouse a xestión de proxectos a través da OPI (Oficina de Proxectos Internacionais) e da OCPI (Oficina de Captación de Persoal Investigador), e a OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación) foi acreditada como Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC).

 

Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH)

A UDC puxo en marcha o Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH), con actuacións en cubertas, fachadas, accesibilidade e eficiencia enerxética. Ao abeiro deste programa realizáronse 46 intervencións de rehabilitación; 65 de mellora enerxética e 20 de humanización.

No eido da humanización, destacan a creación da Casa do Estudantado, a posta en marcha dunha sala de lactancia e a mellora das instalacións do ESCI, no Campus de Elviña.

Desde o punto de vista económico, o ano 2024 estivo marcado pola diagnose dun desequilibrio financeiro estrutural, evidenciado na liquidación do exercicio 2023. Situación que levou á adopción de medidas orientadas á redución do gasto e á reorientación de diferentes partidas para dar cobertura ás necesidades máis urxentes.

 

Persoal Docente e Investigador

A UDC aprobou a OEP 2024 con 72 prazas e reforzou a contratación de profesorado axudante doutor grazas á sinatura do convenio co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, que puxo en marcha o programa María Goyri na UDC, dotado con 49 prazas de axudante doutor/a. Aprobouse unha nova normativa de selección do PDI e avanzouse na estabilización de persoal investigador.

 

Estudantado e vida universitaria

No eido do estudantado, as convocatorias de bolsas, axudas e premios permitiron apoiar ao estudantado para afrontar os diferentes gastos derivados da vida universitaria.  Un total de 80 percibiron axudas para superar dificultades económicas que puideran impedir continuar os seus estudos e concedéronse un total de 4481 bolsas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. No eido da mobilidade, grazas á colaboración co Concello da Coruña, asinouse un novo convenio que fixo posible a continuidade na implantación dunha tarifa plana de transporte para o estudantado mediante o perfil de Estudante Universitario na tarxeta Millenium. Este desconto aplícase xa nas liñas UDC, 2A, 7, 12, 12A, 14 e 24.

 

Persoal Técnico, de Administración e Servizos (PTXAS)

No eido da xestión de persoal, publicáronse as 14 convocatorias pendentes dos procesos selectivos correspondentes á Oferta de Emprego Público dos anos 2022 e 2023, e resolveuse o concurso específico para dous postos de Xefatura de Servizo. Aprobamos tamén a OEP do ano 2024, tanto na quenda libre como na promoción interna. Un eido no que se segue avanzando de cara a mellorar as condicións laborais e organizativas, tendo en conta as limitacións orzamentarias existentes.

 

Divulgación, Igualdade e diversidade

A UDC organizou actividades como o certame “Cóntame a túa investigación”, Pint of Science, GNIGHT e Onda Ciencia. Difundiuse a investigación a través de infografías e podcasts. En cultura, NORMAL acolleu exposicións, residencias artísticas e obradoiros, e organizouse o Festival de Teatro Universitario. Nelas participaron máis de 600 persoas.

Pola súa banda, a Oficina para a Igualdade de Xénero desenvolveu cursos, campañas e xornadas sobre igualdade, violencia de xénero e coeducación. Destacan os premios Ángeles Alvariño e o concurso María Balteira. A Unidade de Atención á Diversidade atendeu casos de acoso e promoveu a inclusión de persoas LGTBIQ+ e con necesidades específicas.

Por último, o UDC veu o visto e prace ao Plan de Vida Saudable 2025-2030, no que se incúen accións en saúde mental, alimentación e Campus Sen Fume. O programa Afrontemos atendeu 107 persoas e puxéronse en marcha diversos obradoiros psicoeducativos.

 

Memoria da Valedora Universitaria

O Informe da Valedora da UDC, Ana Dorotea Tarrío Tobar, dá conta das queixas e consultas recibidas no curso 2023/24, período no que houbo un total de 166 casos, que se dividen en 45 consultas e 121 queixas. Das 45 consultas, a maioría corresponde ao estudantado, ao que lle segue o PDI (Persoal Docente e Investigador) e persoas alleas á Universidade.

Polo que respecta ás queixas, das 121 presentadas, un 59% corresponde ao estudantado, ao cal lle segue o PDI, cun 20%, persoas alleas, un 10% e o PTXAS un 5%. As queixas presentadas de oficio pola Valedora supuxeron un 6%.

Por temática, a maioría das queixas teñen que ver co acceso, taxas e xestión académica, mentres que nas consultas, a maioría corresponden a exames e criterios de avaliación, seguidos de procedementos e recursos.

 

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC