A Coruña, 15 de maio de 2026
O Auditorio CITEEC da UDC foi o escenario da análise dun dos desafíos máis urxentes do século XXI: o incremento dos fenómenos climáticos extremos e a necesidade de fortalecer estratexias de adaptación baseadas en evidencia científica.
Na xornada “Eventos Climáticos Extremos e Cambio Climático: Respostas para a Adaptación”, persoal investigador de diferentes países abordou o que constitúe actualmente unha das principais ameazas globais para os sistemas naturais e sociais: o cambio climático. Os seus impactos están a acelerar procesos de degradación ambiental e afectando á capacidade de adaptación das comunidades. En Europa, e particularmente en España, obsérvase un aumento na frecuencia e intensidade de eventos extremos como inundacións, secas, ondas de calor, tormentas severas e mareas de tempestade costeiras, o que esixe respostas coordinadas entre ciencia, política pública e planificación territorial.
Neste escenario o rol da academia é clave para estudar os efectos cada vez máis acelerados do cambio climático que están a transformar a dinámica ambiental, especialmente nas cidades costeiras, as cales enfrontan unha maior vulnerabilidade debido ao aumento do nivel do mar e a intensificación de fenómenos meteorolóxicos extremos. En Europa, rexión na que se centra este estudo, as cidades costeiras experimentan con maior frecuencia tormentas, inundacións, ondas de calor e secas, o que agrava problemas estruturais como a contaminación ambiental e a presión sobre os ecosistemas urbanos.
Eventos recentes evidencian esta tendencia.
As tormentas e inundacións rexistradas en febreiro de 2026 en Galicia e Andalucía provocaron miles de desprazamentos, con graves perdas en sectores como a agricultura e a pesca. Así mesmo, a DINA na Comunidade Valenciana (outubro de 2024) e as recorrentes ondas de calor en Andalucía e a Meseta reforzan a necesidade de avanzar en enfoques interdisciplinarios para comprender e xestionar o risco climático.
Aínda que a UE desenvolveu marcos estratéxicos relevantes como a Estratexia de Adaptación ao Cambio Climático (2021) e o Pacto Verde Europeo, expertos sinalan a existencia dunha fenda persistente entre os marcos normativos e a súa implementación efectiva en contextos de crise climática crecente. Neste contexto, a xornada internacional permitiu o intercambio científico orientado á integración de perspectivas desde a psicoloxía ambiental, a xeografía do risco, a planificación urbana, a sustentabilidade e as políticas públicas.
Desigualdade climática e vulnerabilidade socioeconómica
A investigación académica subliña que os efectos do cambio climático non son uniformes, senón que se distribúen de xeito asimétrico en función de factores territoriais, económicos e sociais, afectando con maior intensidade aos sectores primarios que dependen directamente da estabilidade dos ecosistemas. Neste sentido, procesos como a acidificación dos océanos e o aumento da temperatura da auga nas rías galegas están a alterar de forma significativa a produtividade primaria, con impactos directos sobre a pesca e os sistemas mariños locais.
De igual forma, no sector agrícola e vitivinícola, a pesar da percepción de “Galicia húmida”, o aumento da evapotranspiración real está a reducir a dispoñibilidade de auga en períodos críticos de cultivo, xerando novas tensións na xestión dos recursos hídricos e na sustentabilidade da produción. Finalmente, a literatura en psicoloxía social e socioloxía ambiental destaca que os pequenos produtores presentan unha menor capacidade de adaptación financeira e estrutural fronte a estes cambios. Esta evidencia converte a investigación académica nunha ferramenta non só analítica, senón tamén ética, fundamental para o deseño de políticas públicas de compensación, protección social e xustiza climática.
Un panel internacional fronte a desafíos locais
O encontro contou con expertos de traxectoria internacional. Entre os relatores, destacan Cameron Brick (Universidade de Ámsterdam); Robert Tobias (Universidade de Zúrich); Adrian Brugger (Universidade de Berna) e Fredy S. Monge (UDC), que analizaron como a sociedade percibe o risco e que factores impulsan a adaptación. No eido da xeomorfoloxía e riscos hídricos, participou Chris Skinner (York St John University), especialista en modelización de inundacións e, por último, os investigadores Ricardo García Mira e Rodrigo Lozano Ros, da UDC, ofreceron unha visión centrada na adaptación e na sostibilidade.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC