A Coruña, 23 de xullo de 2025.- O Centro de Arte Fundación María José Jove en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da UDC, deron a coñecer hoxe o nome dos dous artistas gañadores da V Edición do Programa de Residencias Artísticas. Esta iniciativa está destinada a apoiar a creación artística que, desde unha reflexión crítica, se aproxime ás dinámicas, memorias e resonancias do contexto máis próximo.
O Programa de Residencias Artísticas ten como obxectivo proporcionar aos artistas unha contorna propicia para a creación e investigación, fomentando o desenvolvemento dun marco conceptual que axude a interpretar problemáticas contemporáneas nas súas dimensións sociais, culturais e territoriais.
Nesta ocasión os artistas seleccionados foron o artista brasileiro Raphael Escobar (São Paulo, 1987) e o artista vasco Ibon Aranberri (Itziar-Deba, 1969). Ambos os dous recibirán o apoio de dúas residencias artísticas, dotadas con 6.000 euros cada unha, destinadas a honorarios, gastos de produción e viaxe. Ademais, contarán cun espazo de traballo individual no Espazo de Intervención Cultural Normal durante o terceiro cuadrimestre do ano, entre setembro e decembro de 2025. Ao longo do desenvolvemento do proxecto contarán con acompañamento curatorial constante e ao final da residencia levarán a cabo unha presentación pública dos resultados.
Raphael Escobar (São Paulo, 1987) e o seu proxecto "Rebilião Groove"
Raphael Escobar é un artista visual, educador e activista brasileiro cuxa obra cruza arte, política e territorio urbano. Licenciado en Artes Visuais e posgraduado en Estudos Brasileiros, traballa desde 2008 en educación non formal con poboacións en situación de vulnerabilidade, como persoas drogodepententes, sen fogar e mozos en centros de detención. A súa práctica combina accións colectivas, economía solidaria, intervencións na rúa e o uso crítico de substancias psicoactivas, ademais de integrar a música como ferramenta de creación e resistencia comunitaria. Desenvolveu proxectos sonoros como O som dá maloka, o podcast Voz Ativa e participou en emisións en Resonance FM (Londres) e Kunstradio (Viena). A súa obra foi exhibida en institucións como o MAM São Paulo, MAR Río de Janeiro, SESC 24 de Maio e a Pinacoteca de São Paulo. Foi nomeado ao Premio PIPA en 2020 e 2022.
"Rebilião Groove"
O importante labor que o artista Raphael Escobar realizou no últimos quince anos dentro do contexto urbano da cidade de São Paulo, avogando polo coñecemento detallado das periferias e polo seu interese, non só en reflectilas, senón por envolverse facendo delas o seu espazo de desenvolvemento persoal e profesional, é o punto de partida de "Rebilião Groove".
A medio camiño entre a música e a protesta, Escobar propón analizar as formas musicais das marxes rurais e urbanas que aínda persisten en Galicia. Músicas amalgamadas, bastardas, que renegan da pureza como o fan as músicas periféricas coas que Escobar traballa en Brasil, e que se converteron en catalizadoras que promoven redes de afecto nun escenario de reivindicación para colectividades.
Ibon Aranberri (Eibar, Gipuzkoa, 1969) e o seu proxecto "A trama rururbana"
Ibon Aranberri é un dos artistas vascos máis recoñecidos da súa xeración. O seu traballo investiga as relacións entre arquitectura, territorio e ideoloxía, a través de medios como a escultura, a instalación, a fotografía e o arquivo. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco, desenvolveu residencias en centros internacionais como P.S.1 (MoMA, Nova York), CCA Kitakyūshū (Xapón) e a Casa de Velázquez (Madrid). A súa obra foi presentada en institucións como a Documenta 12 (Kassel), Kunsthalle Basel, Museo Reina Sofía, MACBA, Artium e o Museo Guggenheim Bilbao. Recibiu premios como o Altadis de Artes Plásticas, o “Gure Artea” do Gobierno Vasco e o Premio Fundación MACBA 2024.
"A trama rururbana"
Inmerso historicamente nun estudo non regrado do territorio, Ibon Aranberri (Itziar-Deba, Gipuzkoa, 1969) foi convidado en 2007 a participar do proxecto "A trama rururbana", unha investigación coral sobre a paisaxe en Galicia, dirixida polo comisario Pablo Fanego e a artista Carme Nogueira que pretendía abordar cuestións como a improvisación urbanística, o desenvolvemento dun modelo de economía terciaria, a marxinación histórica de Galicia, a relación coa mobilidade dos habitantes, emigración/inmigración dentro e fóra do territorio. A cancelación do proxecto en 2009 deu carpetazo ao traballo realizado por Aranberri, que agora propón retomalo, priorizando examinar os arquivos xerados naquel proceso, avaliando a vixencia epistemolóxica da formulación inicial nas condicións culturais, políticas e económicas actuais.
Xurado
As propostas foron avaliadas por un xurado composto por Ángel Calvo Ulloa, crítico de arte e comisario; Susana González, comisaria e directora do Centro de Arte FMJJ/Colección de arte FMJJ; e Marta Mestre, comisaria do Museo de Arte Contemporánea MAC/CCB, Lisboa.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC