Bicis e Mobilidade

Bicis na UDC


Programa de préstamo de bicicletas na UDC

Ábrese a convocatoria de préstamo de bicicletas da UDC para o Curso 2025/2026.

Prazo de solicitude: do 10 ao 20 de setembro

O obxectivo deste programa é o de promover o emprego da bicicleta como vehículo para a mobilidade sustentable, facilitando o acceso a unha bicicleta a aquelas persoas interesadas en facer uso da mesma para desprazarse aos centros universitarios.

O uso da bicicleta como medio de transporte reduce a conxestión do tráfico, mellora a calidade ambiental nas cidades, contribúe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, e mellora a saúde das persoas que fan uso delas.

O parque de bicicletas da UDC conta cunhas 100 unidades de cinco modelos diferentes: CARACTERÍSTICAS DAS BICICLETAS DA UDC. As persoas interesadas teñen a posibilidade de elixir entre:

  • Bicicletas convencionais: Modelos Gotty Alegre (28”, 21 velocidades) e Gotty Top26 (26”, 6 velocidades). Taxas: 10€ para alumnado, 20€ persoal PTXAS, PDI, PEC.
  • Bicicletas pregables: Modelos Conor Autumn (20”, 8 velocidades) e Conor Denver (20”, 6 velocidades). Taxas: 20€ para alumnado, 40€ persoal PTXAS, PDI, PEC.
  • Bicicletas eléctricas: Modelo SK8 URBAN BEETLE (16”, 5 niveis de asistencia ao pedaleo). Taxas: 50€ para alumnado, 90€ persoal PTXAS, PDI, PEC.

Taxas: Aboaranse a través da pasarela de pago telemático UDC XEST. Unha vez feito o pagamento, a persoa será adxudicataria da bicicleta e recibirá as instrucións para recollida no seu correo-e persoal da UDC.

Texto completo da convocatoria: CONVOCATORIA PRÉSTAMO BICICLETAS UDC PARA O CURSO 2025/2026 (LECTURA IMPORTANTE: condicións do préstamo, período, taxas...)

Todas as consultas sobre a convocatoria poderán facerse a través de bicis@udc.gal.

 


Publicacións e informes sobre Bicis

  • Informes de avaliación do Servizo de préstamo de bicicletas

Informe e avaliación curso 2016/2017 | Informe e avaliación curso 2018/2019 | Informe e avaliación curso 2019/2020 | Informe e avaliación curso 2020/2021 | Informe e avaliación curso 2022/2023 | Informe e avaliación curso 2023/2024 | Informe e avaliación curso 2024/2025

  • Panel: 10 motivos para andar en bici. O panel mostra brevemente 10 beneficios de andar en bicicleta: Engánchate aos pedais e comproba os beneficios para a saúde e o ambiente.

 


Mobilidade


Publicacións e informes sobre Mobilidade

A OMA publica o resumo-presentación de elaboración propia a partir do informe de CRUE Sostenibilidad do ano 2022 co mesmo título, que ten o obxectivo de facilitar a toma de conciencia nas universidades sobre a problemática asociada a mobilidade en avión, e ademais, que a partir desta concienciación, se dispoña de recomendacións para orientar e facer posíbel regular esta actividade a nivel institucional.  

Informe completo CRUE Sostenibilidad (Esp.): Recomendaciones para la elaboración de políticas de viaje sostenibles en las universidades.

  • Impacto da Covid-19 na mobilidade

A UDC forma parte como entidade observadora do proxecto europeo U-MOB LIFE, que promove a formación de unha rede de universidades con boas prácticas de mobilidade, co obxectivo de reducir as emisións de CO2 grazas á sensibilización da comunidade universitaria. Unha das accións derivadas da pandemia por Covid-19, foi a creación do foro de debate “Impacto da Covid-19 na mobilidade", documento orixinal e texto adaptado á realidade galega que se pode consultar NESTA LIGAZÓN.

A UDC participou por segunda vez neste reto para a promoción da mobilidade sustentábel. Durante ‘30 días en bici’, do 16 de setembro ao 16 de outubro, as persoas participantes acumularon quilómetros sustentábeis percorridos: camiñar, utilizar a bicicleta, o patinete eléctrico ou transporte público, desincentivando deste modo o uso do coche individual.

No cómputo xeral a UDC encóntrase no 6º posto das 12 Universidades españolas participantes, e chegando ao 1º posto en canto a número de actividades por persoa usuaria (Premio á Universidade máis responsable).

Rexistráronse 163 persoas da UDC, das que 90 participaron de forma activa durante todo o mes. Percorreron un total de 9.412 km sustentábeis, correspondentes a 2.222 kgCO2 evitados. Destes, a bicicleta foi o medio mais utilizado que sumou 6.415 km, seguidos de 1.409 km percorridos en bus e 916 camiñando.

O estudo, realizado pola Asociación Mobi-Liza,  trata de avaliar as características de diferentes percorridos cara ao campus de Elviña, co fin de sacar unhas conclusións sobre o actual trazado da cidade, as facilidades con que contan os diferentes medios de comunicación (bus, moto, coche, bicicleta e peón), os seus problemas e as súas virtudes.

Para a realización do estudo escolléronse cinco puntos de saída diferentes e representativos: Mercado de Monte Alto, Os Rosais, praza das Conchiñas, avenida dos Caídos e Mercado de Santa Lucía.

Trátase de unha versión reducida ao "Estudo de medios: Aproximación á mobilidade no campus universitario" en formato exposición, composta por cinco paneis en roler despregábeis e disponíbeis para o préstamo á comunidade universitaria. Só é necesario un espazo duns 5 m de percorrido. Os centros, colectivos e calquera outra persoa da UDC poden solicitar e reservar esta exposición dirixíndose a oma@udc.gal.

Dun total de 5 percorridos desde a cidade, elixiuse como exemplo para a exposición o desprazamento desde Santa Lucía á Elviña. Ofrécense os datos de distancias percorridas, tempos e velocidades en medios alternativos, motorizados (coche, moto, autobús) ou non motorizados (bicicleta, a pé), xunto cos obstáculos que en diferentes áreas da cidade dificultan unha mobilidade máis sustentábel. Os mapas de isócronas, os 10 motivos para utilizar a bicicleta e un avance das liñas do plan de mobilidade da UDC completan os contidos.

Este Plan foi elaborado polo prestixioso equipo da Agencia d’Ecología Urbana de Barcelona, coa participación do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos e da Oficina de Medio Ambiente da UDC, entre 2009 e 2010. O plan responde a un modelo integral que pretende mellorar a calidade do ámbito universitario e a calidade de vida da súa comunidade, mellorando á súa vez a funcionalidade e a organización dos campus de Elviña e da Zapateira da UDC.

As propostas debuxan un novo modelo de mobilidade onde o número de viaxes en transporte privado se reducirá a favor de medios de transporte máis sustentables. Tamén se debuxa un novo espazo público cunha repartición de usos e funcións distinta da actual. Nos resultados compróbase que se libera espazo público que hoxe está reservado para os usos do coche, co obxectivo de que a comunidade universitaria poida ocupar o espazo público sen restricións.