Proxecto de restauración forestal (2006)

A Universidade da Coruña ten no Campus da Coruña (Elviña-A Zapateira) un dos ámbitos espaciais preferentes para desenvolver as súas funcións de servizo público de educación superior. A súa posición dota os terreos incluídos no ámbito do Plan parcial do Campus da Coruña de características especiais, e convérteo en espazo de confluencia, de contacto e de transición entre formas propias do crecemento urbano e formas específicas de explotación agraria e forestal do territorio.

Atravesado polo río do Castro conta aínda hoxe no interior do seu ámbito con áreas significativas destinadas á explotación agraria dada a potencialidade produtiva do solo que fai posible a creación dun escenario privilexiado de coexistencia entre a actividade agrícola e o espazo urbano nunha das grandes cidades de Galiza. Conta tamén cunha área forestal, o monte da Fraga, que está a ser obxecto de reforestación con especies autóctonas en substitución do eucaliptal que nas últimas décadas invadira toda a área.

A actividade agrícola e forestal con características tradicionais, baseada nos cultivos autóctonos e de tipo ecolóxico, é ademais a mellor garantía para unha xestión sostible da biodiversidade florística e faunística presente no campus. Unha primeira aproximación á análise da diversidade florística no campus de Elviña e A Zapateira permitiu recoñecer a existencia dunhas 200 especies e establecer aquelas áreas que presentan un maior interese para a súa conservación e recuperación.

Nos seguintes documentos descríbense máis polo miúdo algunhas das actuacións da UDC neste eido.