Emapic é unha iniciativa tecnolóxica de ciencia cidadá que xorde do Laboratorio de Cartografía da UDC (CartoLAB). Estas ferramentas permiten facer o cálculo de diferentes compoñentes da pegada ecolóxica segundo sexan os hábitos do noso día a día.
A PE pode considerarse como un indicador forte de sustentabilidade, entendido o desenvolvemento sustentábel como aquel capaz de satisfacer as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das futuras xeracións para satisfacer as súas propias (Informe Bruntland, 1.987).
O cálculo da PE consiste en determinar a cantidade de terreo produtivo necesario (hectáreas, ha) para obter os bens consumidos e para absorber os residuos xerados por unha determinada poboación. Pode expresarse en hectáreas per cápita como o cociente entre a superficie produtiva necesaria e a poboación. O seu cálculo pode realizarse colectivamente, para un país, territorio, institución, etc., e tamén para cada persoa a nivel individual.
A pegada ecolóxica individual ven determinada polo modo en que satisfacemos as nosas necesidades, polo noso estilo de vida.
Sermos conscientes das actividades diarias que implican maior ou menor impacto é clave para podermos actuar en consecuencia.
Por iso a proposta das ferramentas OMA-Emapic con finalidade didáctica, permiten por unha banda, o cálculo de diferentes compoñentes da nosa pegada ecolóxica, e por outra, coñecer consellos para a súa redución e camiñar cara un desenvolvemento máis sustentábel.
Ao final da participación nas ferramentas de cálculo:
Estas calculadoras poden ser empregadas por calquera persoa de forma individual. Son autoexplicativas e sinxelas de utilizar. A información que requiren é a relativa aos hábitos de compra e separación de residuos, facturas e outros datos de uso da enerxía, e desprazamentos realizados e o medio de transporte empregado.
Se queremos obter información para un ámbito colectivo, por exemplo un centro escolar, unha aula do nivel de ensino que sexa, ou os membros dun colectivo calquera, as aplicacións permiten o uso dun CÓDIGO DE GRUPO OU PROXECTO. Con este código, as persoas organizadoras poderán solicitar á Oficina de Medio Ambiente da UDC a base de datos xerada para traballar con ela.
Incluso, de forma directa no mapa, o colectivo ou grupo poderá identificar as súas entradas mediante o uso de filtros e obter toda a estatística correspondente ao grupo.