A ONU asigna a cada ano a celebración dun feito, lugar, ciencia ou materia. Se coinciden con algún dos campos de estudo da nosa facultade, aproveitamos para organizar unha pequena exposición conmemorativa 100% caseira. Se non coinciden, improvisamos.
Desde que en 2017 creamos a nosa colección de divulgación científica, esta non deixou de crecer. Metidos xa de cheo no outono e a piques de finalizar a celebración da Semana da Ciencia 2025, queremos que a divulgación científica continúe na biblioteca a través dos seus libros. Por esa razón, presentámosvos unha nova selección de obras divulgativas, cos exemplares que foron adquiridos nos últimos meses e cos títulos esenciais da materia.
Como sempre, acompañando á exposición presencial, montada na entrada, elaboramos esta pequena versión virtual e unha guía bibliográfica na que, en PDF, atoparedes os datos e unha breve sinopse de cada libro.
Agardamos que vos guste!