Máis información

Títulos interuniversitarios

  • Debe garantirse o acceso ás guías docentes de todas as materias dunha titulación impartida na UDC, independentemente de cal sexa a universidade coordinadora.

  • Se a UDC non é coordinadora, pódese incluir un enlace á guía docente da universidade correspondente no apartado 1 (descrición xeral), aínda que non é a opción preferente.

  • Se a UDC é a coordinadora, as materias impartidas por profesorado da UDC deben contar coa guía docente completa na aplicación da UDC. Nas materias sen profesorado da UDC, pode incluirse un enlace á guía docente da outra universidade, tamén no apartado 1.

Instrucións para engadir a ligazón á guía docente pública dunha materia da UDC

Para inserir unha ligazón á guía docente pública dunha materia da Universidade da Coruña (UDC), pode empregarse como modelo o seguinte exemplo, correspondente á materia co código Sigma 102528:

https://academica.udc.gal/doa/consultaPublica/look[conpub]MostrarPubGuiaDocAs?entradaPublica=true&_codAsignatura=102528&idiomaPais=es.ES

Detalles sobre os parámetros da ligazón:

  • _codAsignatura: corresponde ao código da materia no sistema Sigma. No exemplo, trátase da materia co código 102528.

  • idiomaPais: determina o idioma da interface na que se presenta a guía docente. Con todo, as guías poden consultarse en todos os idiomas nos que estean dispoñibles, con independencia do valor deste parámetro.

    Os valores posibles para este campo son:

    • es.ES: castelán.

    • gl.ES: galego.

    • en.GB: inglés.

Aviso importante:

O acceso ás guías docentes mediante esta ligazón só é posible cando estas están publicadas.

Materias sen profesorado asignado no POD

Nas materias que, no momento de abrir o prazo de elaboración das guías docentes, aínda non teñan profesorado asignado no POD, será responsabilidade da área ou áreas de coñecemento ás que estea adscrita a dita materia designar unha persoa encargada de elaborar a guía docente ou a parte correspondente, segundo o caso.

Esta tarefa deberá realizarse de forma coordinada entre a persoa ou persoas designadas e, de ser preciso, as direccións dos departamentos afectados e a persoa coordinadora da titulación, co obxectivo de garantir que a guía docente quede debidamente elaborada dentro do prazo establecido.

Unha vez aprobada a guía polo consello de departamento e ratificada pola xunta de centro, poderá ser modificada polo equipo docente que finalmente imparta a materia, sempre que non se prexudique ao estudantado e coa aprobación e ratificación dos órganos correspondentes.

Referencia a normativas nas guías docentes

  • Non se deben incluír nas guías docentes contidos xa recollidos nas normativas vixentes da UDC (dedicación ao estudo, permanencia, fraude académica, etc.).

  • Estes aspectos xa están cubertos no apartado 5 da avaliación, que inclúe o seguinte texto na vista pública das guías docentes:

    "Todos os aspectos relacionados con dispensa académica, dedicación ao estudo, permanencia e fraude académica rexeranse de acordo coa normativa académica vixente na UDC."

Dispensa académica

De acordo co capítulo IV da normativa de dedicación ao estudo, a dispensa académica de asistencia é unha autorización que exime o estudantado de grao ou mestrado da obrigatoriedade de asistir ás actividades formativas síncronas presenciais ou virtuais, cando concorra algunha das causas recollidas no artigo 6 da dita normativa, e sempre que sexan susceptibles de ser dispensadas segundo o que dispón nos artigos 11 e 12 da dita normativa.   

Nas guías docentes habilitouse o apartado 5.4 que ten que incluír: 

  • A relación de metodoloxías docentes e actividades formativas síncronas susceptibles de dispensa académica, así como as adaptacións previstas para estas actividades, se procede. O sistema de avaliación aplicable ao estudantado con dispensa concedida, tal e como recolle a normativa (artigo 14.5), permitirá acadar a cualificación máxima prevista na materia. 
  • Se ningunha actividade da materia é dispensable, debe indicarse expresamente. Téñase en conta que, segundo o artigo 12.3, deberase contar cun informe xustificativo desta circunstancia emitido pola comisión con competencias académicas que determine cada centro.

Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización elaborouse un resumo práctico para o profesorado sobre a dispensa académica.

Incorporación da perspectiva de xénero na docencia

Na seguinte ligazón poderán consultarse unha colección de guías temáticas que ofrecen propostas e exemplos de boas prácticas na incorporación da docencias sen nesgos xénero.

Axuda para incorporar a perspectiva de xénero na docencia universitaria nos diferentes ámbitos 

Uso de linguaxe inclusiva nas guías docentes

Inclúense fórmulas inclusivas de referirse ás persoas nas Guías docentes. Trátase de priorizar a utilización de fórmulas xenéricas inclusivas ou de xénero epiceno.

Orientacións para o uso da linguaxe inclusiva nas guías docentes 

Bibliografía recomendada

Cando un/unha PDI quere engadir unha referencia bibliográfica nunha das súas guías docentes a través do apartado correspondente do Marco Curricular poden darse os seguintes casos:

  1. A referencia xa está cargada en Sigma: só ten que seleccionar a referencia para engadila á guía docente.
  2. A referencia non está cargada en Sigma, pero está en CRUNIA: ten que seguir os pasos do manual para traspasar os campos a Sigma. Soamente hai que encher a autoría, título, ano, editorial, código (que será o mesmo que en CRUNIA) e ligazón (que será a ligazón permanente en CRUNIA). Esta referencia pasará a estar dispoñible en Sigma para todas as guías docentes. Poderana atopar e enlazar o resto de profesorado para as guías doutras materias.
  3. A referencia non está en Sigma nin en CRUNIA: hai que proporcionar os campos indicados no punto anterior, pero agora haberá que empregar un código como o ISBN, DOI ou calquera outro identificador común e o enlace onde se atope.

Instruccións para engadir a bibliografía recomendada

Todas as guías que estaban publicadas en GADU foron importadas a SIGMA.

Impórtanse os apartados seguintes das guías de Sigma:  

  • 1 descrición xeral,  
  • 2 resultados de formación e aprendizaxe / competencias,  
  • 2.1 resultados de aprendizaxe (só titulacións RD 1393/2007),  
  • 3 contidos,  
  • 4 metodoloxías docentes e actividades formativas e  
  • 5 avaliación. As observacións de avaliación cópianse integramente no apartado 5.1 da primeira oportunidade.  

Non se importan os apartados:  

  • 5.2 segunda oportunidade;  
  • 5.3 oportunidade adiantada;  
  • 5.4 dispensa académica;  
  • 6 bibliografía recomendada: a maioría da bibliografía está dispoñible en Sigma e só hai que seleccionala, de non estar dispoñible pódense engadir novas referencias;  
  • 7 de recomendacións. 

Como resultado do proceso de importación xérase un informe detallado de importación que debe ser revisado polo PDI da materia antes de proceder a modificar a guía docente. Este informe será facilitado pola persoa que coordine a titulación. 

  • Os plans de estudo e as materias teñen cadanseus códigos identificadores únicos en Sigma e son distintos dos que se empregan en Xescampus ou en GADU. 
  • Unha materia en SIGMA pode estar asociada a un ou a varios plans de estudo. Estes plans de estudo poden ser diferentes ou ser versións distintas do mesmo estudo ou titulación.  
  • Cada materia ten un código único e unha guía docente única que se identifica polo mesmo código da materia en SIGMA, con independencia dos plans de estudo aos que se refira a guía docente e das súas modalidades de impartición (presencial, virtual e/ou híbrida). 
  • Para que unha persoa coordinadora dunha titulación poida xestionar as guías docentes da titulación que coordina debe contar co permiso adecuado no módulo de xestión de guías docentes de Sigma. Este permiso concédese desde o CUFIE. 
  • Os cambios realizados no POD reflíctense automaticamente nas guías docentes en Sigma e non hai que notificalos ao CUFIE. 
  • As persoas coordinadoras de titulación non teñen que esperar a que finalice o período de elaboración de guías para proceder coa súa revisión e validación, se procede.  

As persoas coordinadoras de titulación engadiranse a un equipo de Teams que se empregará para coordinar toda a información do proceso de elaboración e xestión de guías docentes.  

A dirección gadu@udc.gal, atendida polo CUFIE, pódese empregar para realizar consultas técnicas e metodolóxicas. Estas consultas deben indicar o código da materia ou materias en Sigma

IMPORTANTE: O CUFIE non pode facer cambios no POD polo que estas consultas deben dirixirse ao Departamento responsable da materia.