A Universidade da Coruña, na súa firme aposta pola calidade e pola excelencia educativa,
promove e fomenta desde diversos ámbitos a innovación pedagóxica sustentada nas
tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento co obxecto de favorecer a mellora continua
dos seus procesos formativos.
Deste xeito, nos últimos anos, a Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente, en
colaboración co Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), puxo en
marcha diversas accións tendentes a impulsar actividades de innovación educativa entre o
seu profesorado. Nesta liña de acción e co obxecto de continuar respondendo aos
obxectivos recollidos no Plan estratéxico 2013-2020 da Universidade da Coruña,
concretamente aos relativos á innovación, a docencia e a aprendizaxe e a proxección internacional da nosa institución, veñen convocándose desde o ano 2018 diversas convocatorias para a elaboración de cursos
masivos abertos en liña (MOOCs) da Universidade da Coruña.
Os cursos MOOC, de acordo coas súas siglas en inglés Massive Online Open Courses, son cursos baseados nos principios de gratuidade, masividade e ubicuidade que posúen unha estrutura orientada á auto/coaprendizaxe do alumnado, con materiais didácticos e estratexias de avaliación característicos, así como un número ilimitado de participantes con acceso libre e gratuíto a eses materiais.
Desta maneira, os MOOCs constitúen unha clara oportunidade para as institucións universitarias públicas de contribuíren ao coñecemento libre, aberto e accesible a toda a sociedade. Consciente diso, a Universidade da Coruña asinou no ano 2017 un convenio de colaboración con MiríadaX, a plataforma de MOOCs máis importante no ámbito iberoamericano, que lle permitiu lanzar 6 cursos Mooc dos que se impartiron varias edicións e nos que se inscribiron máis de 6.000 persoas dun amplo abano de países do mundo.
No ano 2023, a UDC aposta polo lanzamento da súa propia plataforma de formación en aberto: udcaberta.udc.gal, que lle vai permitir impartir un amplo catálogo de cursos gratuítos dos que se beneficiará tanto a comunidade educativa da UDC como a cidadanía en xeral.