A Coruña, 20 de maio de 2025.- A Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI) da Universidade da Coruña, no marco do proxecto institucional STARS4UDC, liderado polo técnico Xabier Silva, vén de completar unha ampla programación institucional en México co obxectivo de dar a coñecer ao persoal investigador as oportunidades para desenvolver a súa carreira profesional na institución e reforzar así a proxección internacional da UDC atraendo talento investigador.
Esta iniciativa contou cunha boa acollida, con máis de 250 persoas asistentes nos diversos eventos, entre persoal investigador posdoutoral, estudantes de doutoramento, responsables institucionais e profesorado universitario, e xerou un elevado interese por parte de potenciais perfís para presentar a súa candidatura a través da Universidade da Coruña nas distintas convocatorias europeas, nacionais e autonómicas expostas.
Financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e co apoio de EURAXESS Latinoamérica e Caribe e da Rede de Científicos Españoles en México (RECEMX), esta viaxe permitiu presentar as posibilidades de carreira investigadora que ofrece a UDC en sete actos celebrados en colaboración con universidades e centros de investigación mexicanos, entre eles a Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), o Instituto Politécnico Nacional (IPN), o Tecnológico de Monterrey, a Universidad Iberoamericana, o Colegio de la Frontera Sur (ECOSUR) e a Universidad Autónoma de Yucatán (UADY).
Tras o seu regreso deste periplo americano, o persoal da OCPI participou tamén en Madrid no congreso INORMS 2025, organizado pola EARMA (European Association of Research Managers and Administrators), no que se deron cita preto de 2500 profesionais de todo o mundo para compartir os avances na xestión da investigación, o impacto da IA nos procesos de avaliación e as estratexias de colaboración internacional.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC