A Universidade da Coruña,  entre o 4,7% das mellores universidades do mundo segundo o ranking CWUR

Press release

6/2/26 1:12 PM

  • Institutional
  • A UDC ocupa o posto 981 entre máis de 21.000 universidades analizadas, mellorando en catro posicións os resultados da edición anterior
  • A institución académica acada a súa mellor clasificación histórica tanto a nivel global como nacional, cunha puntuación total de 70,7
  • Estre os indicadores avaliados, destacan os ámbitos da investigación e a empregabilidade do alumnado egresado

A Coruña, 2 de xuño 2026

A Universidade da Coruña mellora a súa posición no ranking internacional Center for World University Rankings (CWUR), que avalía máis de 21.000 universidades de todo o mundo e publica a clasificación das 2.000 mellor situadas. Na edición de 2026, que ven de ser publicada esta semana, a UDC sitúase no posto 981 a nivel mundial, ascendendo catro posicións respecto da edición anterior e acadando así a súa mellor clasificación nos últimos nove anos. No ámbito estatal, a UDC mantén a posición 34, igualando a súa mellor marca histórica dentro do sistema universitario español.

A clasificación tamén reflicte a mellor puntuación global obtida pola UDC desde a súa incorporación a este ranking, cun total de 70,7 puntos.

Entre os indicadores avaliados, destaca especialmente o ámbito da investigación, no que a UDC alcanza o posto 941 mundial, así como o indicador de empregabilidade do alumnado egresado, no que acada a posición 1230, o seu mellor resultado nos últimos seis anos.

O ranking CWUR

O ranking CWUR elabórase a partir de indicadores relacionados coa calidade da educación, a empregabilidade das persoas tituladas, o prestixio do persoal académico e o rendemento investigador. A investigación representa o 40% da puntuación total.

Para a elaboración desta clasificación, o Center for World University Rankings (CWUR) emprega fontes internacionais de referencia como Thomson Reuters’ Journal Citation Reports (JCR), European Reference Index for the Humanities (ERIH), The World Intellectual Property Organization (Organización Mundial da Propiedade Intelectual, WIPO), así como datos vinculados a Premios Nobel, Medallas Fields, Premios Abel ou Forbes Global 2000, entre outros indicadores.

Evolución da UDC

A evolución da Universidade da Coruña nas últimas edicións do ranking amosa unha tendencia positiva tanto na posición global como na puntuación total obtida. Desde 2019, a UDC mellorou progresivamente a súa clasificación mundial ata alcanzar en 2026 o posto 981, mantendo ademais a súa mellor posición histórica no ámbito nacional.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC